Sanxenxo manterá o plan especial de entradas e saídas dos centros educativos ata final de curso

Sanxenxo
25 de xaneiro 2021

Os responsables municipais de Educación e Seguridade Cidadá reuníronse cos directores de colexios e institutos para avaliar o plan posto en marcha no inicio do curso para evitar aglomeracións nas entradas destes centros. Doutra banda, a Policía Local iniciará proximamente un ciclo de charlas sobre o correcto uso das redes sociais

Plan de seguridade da Policía Local para as entradas e saídas dos centros educativos de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo reevalúa o seu plan para organizar as entradas e saídas dos centros educativos. A concelleira de Educación, Paz Lago, e o seu homólogo de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, mantiveron nos últimos días un encontro cos directores dos centros escolares e institutos do municipio para analizar os resultados o plan da Policía Local posto en marcha desde o inicio do curso para organizar os accesos aos mesmos de forma segura.

A medida, prevista inicialmente para evitar aglomeracións e garantir a seguridade viaria nas entradas e saídas dos colexios, momentos nos que se concentran máis nenos e familias, foi acollida de forma moi positiva nas comunidades educativas polo que se prolongará durante todo este curso e prevese que se poida continuar nos próximos anos.

O Concello destina a estes labores durante o período escolar cinco axentes que controlan os accesos e saídas dos colexios da Florida, Vilalonga, Abrente e Portonovo, así como o IES de Sanxenxo e o de Vilalonga. No CEIP Ou Telleiro e no CEIP Magaláns non se aplica este plan debido a que tanto o espazo do que dispoñen como o número de alumnado permite aos propios centros organizar as súas entradas e saídas de forma segura.

A implicación da Policía Local cos centros educativos do municipio continuará nos próximos meses con charlas informativas sobre o uso seguro das redes sociais e os perigos que entraña a súa utilización sen supervisión.

Son unhas conferencias pensadas para 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO que está previsto que leven a cabo a principios de abril. Ademais, respondendo á petición da dirección do IES Vilalonga, a Policía Local reforzará os controis e a vixilancia na contorna do centro durante as saídas do recreo.