Sanxenxo ofertará 80 prazas nos campamentos estivais de Baltar e Vilalonga

Sanxenxo
19 de xuño 2020

O Concilia Sanxenxo, que se desenvolverá entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, estará adaptado ás circunstancias sanitarias excepcionais impostas polo COVID-19. O horario será de luns a venres de 8.00 a 14:30 horas e non terá servizo de comedor

Programa de conciliación "Paifill@nai"
Programa de conciliación "Paifill@nai"

Os pavillóns de Baltar (Portonovo) e Vilalonga serán os dous escenarios nos que o Concello de Sanxenxo poña en marcha este verán o seu plan Concilia Sanxenxo, que ofertará 80 prazas para nenos e nenas nacidos entre os anos 2006 e 2014.

O obxectivo desta iniciativa, destacan desde o goberno municipal, é axudar aos veciños do municipio a compaxinar a vida familiar e laboral.

O Concilia Sanxenxo, que se desenvolverá entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, estará adaptado ás circunstancias sanitarias excepcionais impostas polo COVID-19. O horario será de luns a venres de 8.00 a 14:30 horas e non terá servizo de comedor.

As actividades desenvolveranse en grupos de dez nenos con doce monitores á fronte, que se encargarán de organizar as actividades e do seu coidado.

No caso de realizar as actividades interiores nos pavillóns dividirase o espazo en catro zonas e habilitarase un baño para cada grupo durante a xornada. Tras as actividades, limparanse e desinfectarán diariamente os espazos.

Para garantir o cumprimento do protocolo de seguridade, os participantes deberán acudir con máscaras que serán facilitadas polo Concello de Sanxenxo e será obrigatorio unha declaración de saúde diaria de cada participante á entrada das instalacións, así como o control de temperatura se fose necesario.

As familias que opten a este servizo deberán cumprir unha serie de requisitos como que estean empadroados no municipio, que os proxenitores sexan traballadores por conta propia ou allea e/ou que xustifiquen a contratación os meses de xullo e agosto. 

O Concello establecerá un sistema de cotas, segundo a circunstancia de cada familia, que en ningún caso supera os 250 euros polos dous meses e que no caso máis vantaxoso sería de 150 euros polas dúas mensualidades.

Ademais, aplicarase un desconto dun 15% na cota no caso de familias nas que un dos proxenitores ou os dous teñan un contrato inferior a seis meses.

O prazo de apertura para solicitar inscrición na actividade estará aberto ata o 24 de xuño.