Oito empresas optan a xestionar o Plan Concilia e os obradoiros vacacionais

Sanxenxo
20 de marzo 2026
Actualizado: 09 de xuño

O servizo conta cun orzamento de 213.807 euros e unha duración de dous anos, estruturado en dous lotes diferenciados

CEIP A Florida, de Sanxenxo Xunta de Galicia

Un total de oito empresas presentaron as súas ofertas para facerse cargo da xestión do Plan Concilia e dos talleres municipais de Nadal, Entroido e Semana Santa.

Entre as candidatas figuran Asociación Xuvenil Saraiba do Mar, Axiña Servicios Deportivos, Elisa Estévez Rodríguez, Nordelaina, Silvia Calvelo Rodríguez, Sonaga Gestión, Sportmadness Eventos e Supernova Asistencias.

O servizo, licitado pola Concellaría de Educación que dirixe Nati Parada, conta cun orzamento de 213.807 euros e unha duración de dous anos, estruturado en dous lotes diferenciados.

O primeiro corresponde ao Plan Concilia, que amplía a súa cobertura a todo o período vacacional, incluíndo por primeira vez os días de xuño e setembro previos e posteriores ao curso escolar.

O segundo engloba os obradoiros de Nadal, Entroido e, como novidade, Semana Santa, que se desenvolverán de luns a Xoves Santo.

Estes obradoiros celebraranse no colexio de Nantes, en horario de 9:00 a 14:30 horas, e ofertarán un total de 221 prazas. Pola súa banda, o Plan Concilia manterá dúas sedes nos colexios do Telleiro e A Florida para facilitar a conciliación familiar, cun total de 910 prazas dispoñibles e reserva específica para menores con diversidade funcional.

O programa establece distintas modalidades horarias e tarifas, con opcións que inclúen servizo de comedor ou xornada reducida.

Ademais, a empresa adxudicataria deberá organizar reunións informativas coas familias e deseñar unha programación de actividades que incluirá, polo menos, dúas saídas semanais á praia ou outros espazos da contorna para fomentar o coñecemento cultural e natural do municipio.