Sanxenxo e Poio concorrerán xuntos a unha axuda europea de case 9 millóns

Sanxenxo
27 de febreiro 2025
Actualizado: 17:59

Solicitan fondos europeos para executar tres proxectos: O edificio do novo mercado de Sanxenxo, un plan de humanización e conexión entre Raxó, A Granxa e Areas, e unha plataforma Smart City

Telmo Martín e Ángel Moldes, en Raxó
Telmo Martín e Ángel Moldes, en Raxó / PontevedraViva

Os concellos de Sanxenxo e Poio concorrerán xuntos a unha axuda europea de 8.110.475 euros.

Co obxectivo de "promover un desenvolvemento urbano sostible e de compartir estratexias territoriais", este venres presentarán o Plan de Actuación Integrado (PAI) "Sanxenxo e Poio Sostibles 2039: Unha ría de oportunidades".

Con toda urxencia, o Concello de Sanxenxo celebrará este venres ás 8:15 horas un pleno extraordinario para aprobar este PAI.

O tres proxectos incluídos no plan son o mercado de abastos de Sanxenxo (6.065.164 euros), un plan de mobilidade e conexión entre Raxó, A Granxa de Abaixo e Areas (777.546 euros) e dúas plataformas Smart City/Praias, unha para Poio (767.764 euros) e unha para Sanxenxo (500.000 euros).

Do total, o 60% sería sufragado con fondos Feder e o 40% con fondos propios.

A construción da nova Praza de Abastos de Sanxenxo é unha actuación integral e de rexeneración de espazos públicos na que, ademais do mercado, preténdese albergar no edificio unha biblioteca municipal, unha sala polivalente e un espazo gastronómico parcialmente ao aire libre.

O Plan de humanización, mobilidade e conexión entre Raxó, A Granxa de Abaixo e Areas ten como obxectivos: mellorar a mobilidade e accesibilidade ao núcleo da Granxa, e a conexión co Concello de Poio no seu bordo marítimo, no núcleo de Raxó, favorecidos pola apertura dun viario no solo urbanizable SU 8 de Sanxenxo, que linda na súa cara sur coa Granxa, e que conecta directamente coa estrada provincial PO-308. Ao mesmo tempo, esta posible vía de continuidade co viario do solo urbanizable permitiría a conexión de até seis praias contiguas de ambos os concellos.

O Plan Smart City, Smart Praias e Smart Sport preséntase como unha oportunidade para optimizar o tráfico e a mobilidade, aliviando a conxestión e mellorar a conectividad interna e entre municipios, ao mesmo tempo que se impulsa o sector turístico, potenciando a visibilidade dos seus atractivos naturais e culturais.

Ademais, segundo explican ambos Concellos, tamén permitirá fomentar o deporte como ferramenta para promover a cohesión social e mellorar a calidade de vida dos habitantes.

Por parte do Concello de Poio, contémplase a implantación dunha plataforma de Smart City, con tres eixos principais: tráfico, turismo e deportes.

O Concello de Sanxenxo dará continuidade con este plan ás actuacións xa incluídas no proxecto Rede.es de turismo intelixente.