Sanxenxo quere que a rúa Progreso estea reformada antes do próximo verán

Sanxenxo
20 de setembro 2018

O goberno municipal de Sanxenxo está a ultimar os detalles para sacar a licitación a reforma integral da rúa Progreso. Trátase do proxecto co importe máis alto dos que adxudicará o Concello nesta lexislatura, cun total de 2,5 millóns de euros

Rúa Progreso en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O goberno municipal de Sanxenxo está a ultimar os detalles para sacar a licitación a reforma integral da rúa Progreso. Trátase do proxecto co importe máis alto dos que adxudicará o Concello nesta lexislatura, cun total de 2,5 millóns de euros.

O 70% do custo, 1.804.174 euros, será achegado pola Xunta de Galicia, mentres que o 30% restante asumirao o Concello de Sanxenxo.

O prazo de execución das obras é de 12 meses, pero o goberno asegura que fará "todo o posible" para reducir este prazo, de forma que ao comezo do próximo verán a rúa estea rematada.

O Concello tentará, ademais, que as obras xeren os menos inconvenientes posibles para os comerciantes e os veciños.

A reforma abarca 1.280 metros que van desde a confluencia entre a rúa Progreso e a avenida de Madrid ata a rotonda de Arnelas.

O obxectivo principal do proxecto é a reordenación dos espazos para vehículos e peóns, o que levase a creación de dúas novas rotondas que permitirán axilizar o tráfico nas cruces máis conflitivos da rúa e a mellora das beirarrúas, que pasarán a ter como mínimo un ancho de 1,8 metros.

Outras melloras previstas na reforma son a substitución e a nova canalización de todos os servizos, luz, auga, saneamento e telefonía e a dotación de novo mobiliario como bancos, papeleiras, sinais e farois.