Sanxenxo volveu a demostrar en Semana Santa o seu potencial turístico, mellorando incluso os datos de 2019, o mellor ano da actividade turística.
Segundo comunicou o Concello de Sanxenxo, a apertura dun 15% máis de aloxamentos turísticos que na Semana Santa de 2019, "a intensa actividade da hostalería que vimos estes días e a cifra de consumos superaron amplamente os datos dos anos anteriores á pandemia".
Para o alcalde, Telmo Martín, o resultado desta semana Santa demostra que a demanda turística está a crecer e "o sector cada vez ten máis confianza no tirón da marca Sanxenxo" que "está a demostrar ser un destino en continuo ascenso, capaz de sobre poñerse a calquera conxuntura como foron os peores momentos da pandemia e como agora é a inflación".
Desde o Goberno Local destacan que os datos de paro do últimos seis meses e o nivel de actividade turística da última semana "avalan o progreso constante da principal actividade económica de Sanxenxo".
O alcalde móstrase satisfeito "aínda que Sanxenxo capeou a covid mellor que outros destinos turísticos, a Semana Santa supuxo un grande revulsivo que anticipa unha tempada alta moi boa".
Entre os datos facilitados polo concello, apuntan que o Xoves Santo e o Domingo de Pascua recolléronse en Sanxenxo 196.290 quilos de residuos, o que supón un 15% máis que os mesmos días de 2019, cando se recolleron 179.720 quilos de lixo. Supón unha recollida media de 49.072 quilos por día unha cifra que só se alcanza nos meses de xullo e agosto.
Ademais, o consumo da auga nos catro días principais da Semana Santa foi de 29.240 metros cúbicos, o que supón un 15% máis que en 2019, cando se consumiron 25.504 metros cúbicos.
Por último, o aparcamento subterráneo do porto deportivo recadou en Semana Santa 24.238 euros o que supón un 20% máis que en 2019, cando ingresou 20.198 euros. Desde que o aparcadoiro abriuse, en 2005, nunca superara os 21.000 euros de recadación en Semana Santa.