Satisfacción no Museo polo interese que esperta o proceso para renovar a súa imaxe gráfica

Pontevedra
29 de febreiro 2020

A institución asegura que, ata o de agora, houbo mostras de interese de estudos de deseño de todo o país, do resto do estado e incluso de axencias con sede en Londres ou Holanda que teñen traballadores relacionados coa provincia

José Manuel Rey, na súa presentación como director do Museo de Pontevedra PontevedraViva

O proceso para seleccionar a nova identidade gráfica do Museo de Pontevedra está a espertar un grande interese internacional no mundo da creación.

A institución asegura que, ata o de agora, houbo mostras de interese de estudos de deseño de todo o país, do resto do estado e incluso de axencias con sede en Londres ou Holanda que teñen traballadores relacionados coa provincia.

O Museo explica que está a despachar nestes días múltiples consultas tanto presenciais, telefónicas como por correo electrónico sobre a proposta requirida, o procedemento e forma de presentación.

Xa están rexistrados os portfolios das primeiras persoas xurídicas e físicas aspirantes e, como é habitual, prevén que as propostas se intensifiquen nos últimos días, xa que o prazo de presentación remata aínda o vindeiro xoves 5 de marzo.

Tanto o vicepresidente César Mosquera como o director do Museo, José Manuel Rey, amosaron a súa satisfacción polo grande movemento e expectación creada por este traballo que, subliñaron, vén de confirmarse como "de altura" e "moi apetecible".

Tras o peche do prazo, o Museo convocará ao seu consello asesor, que se encargará de revisar todos os traballos previos -relacionados coa creación de identidades visuais corporativas de outras institucións- para elixir as catro mellores opcións.

Estas serán convidadas para desenvolver cadansúa proposta específica para o Museo e, finalmente, decidirase a adxudicataria.