Satisfacción polo resultado da campaña solidaria de recollida xoguetes

Poio
06 de decembro 2022

A concelleira de Benestar Social e Mocidade, Rosa Fernández destaca a gran variedade e o bo estado das doazóns horas, terá lugar o tradicional Festival de Nadal.

Xoguetes da campaña solidaria 'Ningunha crianza sen sorriso'
Xoguetes da campaña solidaria 'Ningunha crianza sen sorriso' / Concello de Poio

A concelleira de Benestar Social e Mocidade, e responsable da área de Servizos Sociais, Rosa Fernández, fixo unha valoración moi positiva do resultado da nova edición da campaña solidaria 'Ningunha crianza sen sorriso' que ten por obxectivo recadar xoguetes de segunda man para que o departamento municipal os reparta nas datas previas ao Nadal entre os nenos das familias do concello con menos recursos.

O período de entregas pechouse a pasada semana. "Estimamos que entre 80 e 90 rapaces e rapazas contarán co seu agasallo, polo que  estamos moi satisfeitas. Queremos transmitir todo o noso agradecemento a aquelas persoas que se pasaron pola Casa Rosada para entregar xoguetes", indicou a titular de Servizos Sociais. 

Un feito que resaltou a edil é o bo estado no que se atopan os xogos e xoguetes entregados mesmo por persoas doutros concellos limítrofes, como Pontevedra ou Meaño.

Como xa é habitual, entre as doazóns pódense atopar xoguetes de todo tipo. Desde peluches e bonecas ata libros e xogos de mesa e electrónicos, pasando incluso por motos eléctricas. 

Agora, antes de que o departamento de Servizos Sociais inicie o reparto dos agasallos, a veciña de Samieira Silvia Ramírez será a encargada de empaquetar todos os xoguetes que se gardan na Casa dos Guardeses, na Finca de Besada. 

Por outra banda, desde a Concellería de Benestar Social e Mocidade lémbrase que o vindeiro sábado 17 de decembro, ás 17.00 horas, terá lugar o tradicional Festival de Nadal.