'Nadal, con parte de ti' é o nome da iniciativa solidaria organizada pola Asociación Virxe da Renda co obxectivo de recadar alimentos para as familias con menos recursos económicos do municipio.
Todo o que se reúna durante a celebración do festival, que será o domingo 11 de decembro, ás 18.00 horas, na sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros, será repartido entre estas familias por parte do persoal de Servizos Sociais do Concello.
A música será a gran protagonista neste encontro, que contará coa actuación dun gran número de artistas e grupos. Así, haberá interpretacións a cargo de Julio Bautista, Lucy Cardero e Santiago Dozo. Ademais, tamén está confirmada a asistencia do grupo de pandeireteiras Armadiña, a Escola de Acordeóns de Campelo, os Marmurios de Leucoíña, a Coral Virxe da Renda e o Coro da Terceira Idade da Casa Rosada.
A entrada será de balde. A única petición que se realiza é que cada persoa asistente realice unha doazón dun quilo de alimentos non perecedoiros.
Durante o festival procederase ao sorteo de diferentes agasallos. Un deles será o cadro solidario que foi doado polo veciño de Poio Faustino Ucha. Tamén se sorteará unha bufanda do Pontevedra Club de Fútbol, que conta coas sinaturas de todos os integrantes do primeiro equipo.
Ademais da entrega de alimentos no local o día do evento existe a opción de dar aviso chamando ao 986872401 para recoller doazóns de produtos a domicilio, para aquelas persoas que non poidan asistir o domingo ou non teñan opción de desprazarse ata Combarro.