O proceso de selección de 20 prazas de persoal interino para o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación Provincial deu un paso definitivo este mércores coa publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases da convocatoria.
A convocatoria resolverase por sistema de oposición libre e xurde pola necesidade de darlle continuidade ao Plan Revitaliza posto en marcha desde a Deputación de Pontevedra co obxecto de cambiar o actual sistema de tratamento de residuos nos concellos de Pontevedra cunha aposta clara pola implantación de composteiros individuais, os centros de compostaxe comunitaria e polas plantas comarcais de compostaxe.
En total ofértanse vinte prazas de persoal interino por programa. Doce delas son de mestres composteiros, que constituirían unha categoría de empregados cun status de capataz cualificado ou similar. Os técnicos de xestión de residuos municipais e tratamento de biorresiduos (seis prazas A2) constituirán unha categoría especializada de empregados con múltiples funcións. O persoal técnico de xestión económico-administrativa (dúas prazas A2), con coñecementos en materia de residuos municipais, prestará apoio nas funcións de asesoramento e redacción.
O prazo para presentar solicitudes será de 15 días naturais contados a partir deste xoves.
Máis información sobre os requerimentos específicos de cada proceso selectivo nesta ligazón.