A Seca transfórmase nun sambódromo galego

Poio
28 de febreiro 2026
Actualizado: 13:32

Poio demostra unha vez máis que o seu Entroido é unha festa para gozar, compartir e vibrar ao ritmo da música, as cores e o humor das súas comparsas

Pasarela de Comparsas de Poio
Pasarela de Comparsas de Poio / Concello de Poio

Case 900 persoas, repartidas en doce comparsas de toda a provincia participaron na Pasarela de Comparsas do Entroido de Poio este venres á noite.

A Seca converteuse por unhas horas nun auténtico sambódromo galego, no que cada agrupación exhibiu as súas creacións, coreografías e temas musicais ante un público entregado.

O desfile arrancou desde o Camiño da Fábrica e percorreu A Seca ata chegar á carpa instalada na Reiboa, onde a festa continuou con intensidade grazas á discoteca móbil Dolce Vita. O evento rematou converténdose no arranque oficial do Entroido poiense, despois de que as choivas obrigasen a aprazar parte da programación.

Na terceira edición desta Pasarela de Comparsas participaron as agrupacións de Poio: As Sonecas, 100Tolos, Os Canecos e o Grupo de Entroido de Samieira, e desfilaron tamén AC Moreira A Tope, Alegría de Bora, Os da Caña, Os Retrincos, Os Paparrulos, Os Miúdos, Amigos dos Rapaces e Cor Café, creando un espectáculo que combinou imaxe, coreografía, música e interacción co público.

O ambiente era tan contaxioso que o público gozou dunha noite de Entroido memorable.

Cada grupo foi recoñecido polo seu esforzo e orixinalidade, recibindo distincións por aspectos como colorido, vestiario, animación, interpretación musical e posta en escena. Un desfile que reforzou o espírito festivo da localidade e puxo en marcha un Entroido que promete días cheos de actividades.

A programación continúa este sábado 28, co Enterro do Mexilón en Combarro, que partirá ás 21.00 horas do Peirao da Canteira ata a Praza da Chousa, acompañado polas comparsas locais.

O domingo 1 de marzo terá lugar o Desfile de Entroido en Campelo, con animación musical e premios de preto de 5.000 euros, no que se poderá participar de forma individual, en parella ou en comparsa.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en