Seis xornadas de folga no sector do metal pola falta de acordo no convenio

Pontevedra
05 de maio 2026
Actualizado: 19:52

A primeira xornada de paro será este xoves 7 de maio. Na cidade de Pontevedra haberá una manifestación con saída ás 12:00 horas dende Mollavao

Rolda de prensa dos representantes de CIG, UXT e CCOO no sector do metal
Rolda de prensa dos representantes de CIG, UXT e CCOO no sector do metal / CIG

Os traballadores do sector do metal da provincia de Pontevedra están chamados a secundar seis xornadas de folga en demanda dun convenio colectivo que mellore as condicións laborais e garanta unha suba salarial suficiente para recuperar poder adquisitivo.

A primeira xornada de paro será este xoves 7 de maio.

Na cidade de Pontevedra haberá una manifestación con saída ás 12:00 horas dende Mollavao, percorrendo as rúas do centro da cidade e rematando na Praza da Peregrina.

As restantes xornadas de folga están previstas para os días 13, 14, 19, 20 e 21 de maio.

A convocatoria chega tras a última reunión da mesa negociadora, a número 13, na que os sindicatos denuncian que a patronal mantivo unha actitude "sen vontade real de acordo", sen achegar propostas que respondan ás reivindicacións da parte social.

Segundo explicaron este martes en rolda de prensa en Vigo, CIG, CCOO e UGT decidiron intensificar a presión con novos paros e mobilizacións.

O sector do metal na provincia de Pontevedra dá emprego a máis de 30.000 persoas.

Os sindicatos insisten en que a súa plataforma de negociación busca "dignificar" unhas condicións laborais que consideran deterioradas, e sitúan como puntos innegociables cuestións como a duración do convenio, a suba salarial e a redución da xornada.

Entre as principais reivindicacións figura unha suba do 14% en catro anos, que consideran insuficiente para garantir a recuperación do poder adquisitivo nun contexto de inflación, así como a necesidade de mellorar os mecanismos de actualización salarial.

Tamén reclaman unha redución efectiva da xornada laboral, actualmente das máis elevadas do Estado, fronte a propostas empresariais que, segundo os sindicatos, se limitan a axustes sobre o calendario laboral sen cambios reais.

Outro dos puntos centrais é a regulación da subcontratación e da contratación fixa descontinua, co obxectivo de reducir a precariedade e a fragmentación do sector, así como mellorar a seguridade laboral nun ámbito con elevada sinistralidade.

Tamén se reclama avanzar na subrogación do persoal para protexer o emprego en cambios de contrata e introducir medidas fronte ás altas temperaturas en actividades como o sector naval.

A situación complícase co conflito paralelo no comercio do metal, que emprega unhas 10.000 persoas na provincia e cuxo convenio leva ano e medio caducado.

As negociacións están interrompidas desde xaneiro tras a ruptura das conversas por parte dos sindicatos, despois de que a patronal propuxera eliminar a cobertura do 100% do salario dende o primeiro día de baixa por incapacidade temporal e limitar a aplicación de melloras salariais pactadas.

Ademais, segundo denuncian as organizacións sindicais, a proposta económica non inclúe cláusula de revisión vinculada ao IPC, o que incrementa a incerteza sobre a evolución dos salarios reais.

Ante este escenario, as centrais sindicais manteñen un calendario de mobilizacións que se intensificará nas próximas semanas, nun conflito que segue aberto e sen sinais de achegamento entre as partes.

A PATRONAL LAMENTA O "BLOQUEO SISTEMÁTICO"

Desde ASIME, a patronal do sector, lamentaron pola súa banda o "bloqueo sistemático" dos sindicatos, que segundo sinalaron rexeitaron unha proposta de subida salarial do 14,5% nos próximos catro anos, un 5% xa para este 2026.

Para a asociación resulta "incomprensible" que a parte sindical estea a abocar aos traballadores a unha "rúa sen saída" cunha estratexia de confrontación "que xa se demostrou estéril e prexudicial no pasado".

Tras este rexeitamento, a patronal volve á oferta anterior, que supoñería un aumento salarial do 13% para os próximos catro anos e unha redución da xornada laboral en oito horas para 2028.

Ademais, propoñen unha maior flexibilidade nos permisos por mudanza e matrimonio, unha nova licenza para traballadores nocturnos, un plus por traballos especiais ou un aumento das vacacións anuais, que pasarían a 24 días laborables.

Con respecto á folga convocada, ASIME solicita ás autoridades que protexan o libre dereito ao traballo das persoas que o desexen e intenten evitar sucesos violentos.