Xubilados e traballadores do metal elevan o ton de protesta

Pontevedra
02 de febreiro 2026
Actualizado: 18:20

O colectivo de pensionistas da CIG esixe blindar por lei a suba das prestacións mentres o sector do metal pontevedrés activa un calendario de mobilizacións ante o bloqueo na negociación do convenio

Protesta polas pensións en Pontevedra
Protesta polas pensións en Pontevedra / CIG

Nas sete grandes cidades galegas, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG protagonizou este luns diversas concentracións ante as sedes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

En Pontevedra concentráronse diante da oficina de Gagos de Mendoza relcamando a aplicación inmediata do incremento nas pensións previsto para 2026, pero, sobre todo, demandar unha reforma lexislativa que garanta a revalorización automática das prestacións conforme ao IPC real.

Desde a central sindical denuncian que as persoas xubiladas se converteron en "vítimas dun xogo de trileiros" entre as principais forzas políticas no Congreso.

Segundo o colectivo, a recente votación en Madrid, que tombou unha suba que xa consideraban insuficiente, demostra a vulnerabilidade do sistema actual.

Os manifestantes incidiron en que a revalorización non debe depender de maiorías parlamentarias ou negociacións partidistas, senón dun mandato legal que impida o empobrecemento progresivo da poboación.

Neste contexto, a CIG tamén puxo sobre a mesa a necesidade de derrogar as reformas de 2011 e establecer unha pensión mínima que se equipare ao 60% do salario medio estatal, seguindo os criterios da Carta Social Europea.

"Non imos tolerar que se mercadee co noso sustento", sinalan desde a central nacionalista.

TENSIÓN NO SECTOR DO METAL

Tras unha asemblea do sector do metal celebrada este luns, o persoal decidiu por unanimidade iniciar un calendario de protestas ante o que cualifican como "propostas regresivas" da patronal.

A primeira gran cita será o martes 17 de febreiro cunha concentración en Pontevedra, paso previo a unha posible convocatoria de folga e manifestacións en Vigo.

A tensión medrou esta mañá tras a suspensión unilateral por parte da patronal da mesa de negociación prevista no hotel Coia de Vigo.

Os tres sindicatos convocantes, CCOO, UGT e CIG, cualificaron este movemento de "desprezo" e estratexia dilatoria.

As principais discrepancias na negociación radican no intento empresarial de eliminar beneficios históricos, como os complementos por incapacidade temporal desde o primeiro día ou acordos retributivos internos.

Ante este bloqueo, as centrais sindicais lanzaron un ultimato á parte empresarial para retomar as conversas o vindeiro martes 10 de febreiro, coa esperanza de desbloquear un convenio que leva todo o ano 2025 en parálise.