Seis novos axentes incorpóranse á Policía Local de Pontevedra

Pontevedra
10 de xaneiro 2024

Segundo o Concello de Pontevedra, as ofertas de emprego público de 2022 e 2023 incorporarán a 23 axentes, a través de promoción interna ou a través de oposición libre, até completar a totalidade do cadro de persoal que se sitúa en 122 axentes

O alcalde de Pontevedra recibe os seis novos axentes da Policía Local Concello de Pontevedra

Seis novos axentes sumáronse durante estas semanas ao cadro de persoal da Policía Local de Pontevedra, segundo informa o Concello de Pontevedra. 

Está previsto que ao longo dos próximos meses se incorporen novos efectivos a través das ofertas de emprego público municipal de 2022 e de 2023, que se atopan en marcha.

Con esta acción, o Concello completaría o número de efectivos ata os 122 axentes durante este 2024, xa sexa por promoción interna ou por oposición libre.

Actualmente está aberto o proceso para seleccionar, por promoción interna, a unha persoa para ocupar a praza de inspector, correspondente á oferta de emprego público de 2022.

Xa se publicou tamén a oferta para cubrir 22 prazas correspondentes á oferta de emprego público de 2023 e, en breve prazo de tempo, o goberno local quere aprobar as bases que regularán a convocatoria cun proceso de selección que se levará a cabo neste 2024.

Neste caso ofrécese, por promoción interna, unha praza de intendente principal; unha de inspector principal, das dous existentes unha atópase vacante; unha praza vacante de inspector; oito de oficiais, con seis de promoción interna e dúas de mobilidade. O equipo da Policía Local de Pontevedra dispón de 16 inspectores. A incorporación destas oito prazas permitirá que quede completo.

Ademais convocaranse once prazas de policía, nove delas de oposición libre e dúas de mobilidade. O Concello indica que con estas incorporacións, sen ter en conta as vacantes que se rexistren co ascenso da promoción interna, o corpo policial quedará cuberto con 122 axentes.