Seixo mergúllase de cheo no espírito destas festas coa celebración, este domingo 21 de decembro, do seu primeiro mercadiño de Nadal.
O evento, que se desenvolverá na praza de abastos en horario continuado de 11:30 a 20:30 horas, promete unha xornada festiva repleta de actividades para todas as idades.
A concelleira Cristina Acuña, xunto coas promotoras da iniciativa e Manuel Solla, representante de Acemas, foron os encargados de presentar este novo encontro que busca dinamizar a zona e ofrecer un espazo para as compras de Nadal.
Os visitantes terán á súa disposición numerosos postos de artesanía onde poderán atopar agasallos únicos para estas datas.
Ademais, a partir das 17:00 horas, a maxia do Nadal farase sentir coa chegada dos elfos, que estarán preparados para recoller as cartas dos nenos e nenas dirixidas a Papá Noel.
Para combater o frío e gozar dun ambiente acolledor, haberá chocolatada e viño quente de balde para todas as persoas asistentes.
A xornada culminará cun sorteo de agasallos ás 20:00 horas. Acemas, a asociación de comerciantes local, contribuirá a este sorteo con cheques de compra por valor de 50 euros.