Semana de asfaltado e pintado da recta de Baltar

Sanxenxo
14 de xuño 2026

Despois de finalizar varias intervencións de pavimentado, o Concello de Sanxenxo aborda a recta de Baltar nos próximos días e pospón tres intervencións para despois do verán

Concentración de motos en Baltar Concello de Sanxenxo

Xa se atopan finalizadas as tarefas de pavimentación programadas para a segunda semana do plan de melloras viarias do Concello de Sanxenxo, que se corresponden coa superficie das rúas Vigo e Lugo, o camiño de Baltar, a rotonda do mesmo nome, un tramo do paseo de Silgar e a contorna de Punta Vicaño.

Dentro destas actuacións, os operarios realizaron tamén a colocación da pedra de granito no solo do Miradoiro de Silgar, así como a súa conexión co futuro paseo peonil que discorrerá sobre a zona rochosa de Punta Vicaño.

Obras no Miradoiro de SilgarConcello de Sanxenxo

A planificación municipal contempla a finalización destes traballos de mellora na rede viaria durante os próximos días, sempre que as condicións meteorolóxicas poidan permitilo.

Os labores centraranse no asfaltado e o pintado da recta de Baltar, no tramo comprendido entre as glorietas de Portonovo e Baltar, ademais dun sector da vía de circunvalación.

En paralelo ás obras de pavimentación, o municipio rexistra trece intervencións simultáneas en diferentes fases de desenvolvemento:

A zona de Vilalonga están no seu período final os proxectos de reforma do espazo da Telleira, as obras do edificio As Lagoas (antigo colexio O Cruceiro) e os traballos de ampliación da rede de saneamento no lugar da Salgueira.

Avanzan cara á súa conclusión a mellora do núcleo de Arra en Adina, a construción do circuíto de pump track de Baltar, as tarefas de urbanización exteriores no pavillón de Baltar e o centro de día, xunto á reforma estrutural do edificio de usos múltiples de Portonovo.

Continúan, por outra banda, os traballos para a humanización da estrada de Noalla entre a igrexa parroquial e as dependencias do antigo cuartel da Garda Civil, os labores de ampliación da tubaxe de subministración de auga entre Major e Portonovo, e as reformas nas instalacións do campo de fútbol.

Esta semana, segundo o goberno local, iniciáronse as obras de humanización no camiño do Castro (Dorrón), mentres que en Bordóns proseguen as melloras na rede de saneamento da contorna da praia de Nanín.

Ademais, están a executarse de maneira simultánea actuacións de saneamento nas áreas das praias da Carabuxeira e Lavapanos.

O Concello programou para o período posterior ao verán a execución de tres proxectos: a substitución íntegra da pasarela de madeira da praia de Baltar, o desenvolvemento do paseo de Punta Vicaño e as obras de humanización nos núcleos de Aios e Padriñán, cuxos contratos se adxudicarán proximamente de forma pública.