Un seminario internacional reúne en Pontevedra a expertos para reflexionar sobre o futuro dos dereitos sociais no emprego

Pontevedra
12 de xuño 2025

Na inauguración deste seminario da Universidade de Vigo participou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco

Inauguración do seminario internacional RightsEU Delegación do Goberno en Galicia

A Casa das Campás de Pontevedra, sede da Vicerreitoría do campus, acolle este xoves o seminario internacional RightsEU, un encontro que reúne a expertos de seis países para reflexionar sobre o futuro dos dereitos sociais no emprego.

Na inauguración deste seminario da Universidade de Vigo participou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que destacou na súa intervención que "o emprego con dereitos é a mellor política social, e o benestar compartido, a mellor garantía de progreso".

Pedro Blanco apelou á "responsabilidade colectiva" de seguir construíndo unha Europa centrada nas persoas. Segundo dixo, "a igualdade e a non discriminación non son só principios xurídicos: son o fundamento ético do proxecto europeo. Sen igualdade non hai cohesión. E sen cohesión, non hai futuro para Europa".

Blanco puxo en valor este tipo de foros por ser "esenciais para seguir avanzando nunha axenda europea que poña no centro os dereitos das persoas traballadoras".

Este seminario internacional, que leva por título "A igualdade e a non discriminación como vector de referencia na construción da Unión Europea", reúne en Pontevedra a especialistas, investigadores e profesionais do ámbito xurídico, tanto nacionais como internacionais, co obxectivo de reflexionar sobre o papel dos dereitos sociais no emprego e a súa influencia na cohesión europea.

Durante dúas xornadas, hoxe xoves e mañá venres 13 de xuño, abordaranse os avances normativos, os desafíos actuais e as boas prácticas en materia de igualdade e non discriminación no contexto da Unión Europea. A través de mesas redondas e espazos de debate, promoverase o intercambio de ideas e experiencias ao redor das políticas sociais europeas.

Seminario internacional RightsEU

Como é habitual nas súas intervencións, o delegado fixo un repaso das medidas postas en marcha polo Goberno de España nos últimos anos, neste caso, en materia de dereitos laborais.

Así, citou a suba do Salario Mínimo Interprofesional nun 54% desde 2018, a reforma laboral "que reduciu a temporalidade", a protección das traballadoras do fogar, a implantación dos ERTE, a regulación do teletraballo ou a vindeira redución da xornada a 37,5 horas semanais.

Segundo dixo o Executivo central impulsa "un modelo de crecemento que non deixa a ninguén atrás" e que "acredita que se pode liderar en Europa ampliando dereitos e garantindo estabilidade", asegurou.

Facendo referencia ao marco galego, o delegado manifestou que o Plan de Recuperación supuxo "unha transformación sen precedentes", con máis de 4.000 millóns de euros investidos.