É un dos espazos naturais máis usados por polos pontevedreses para camiñar e facer deporte, por iso a posta a piques da Senda do Lérez fixouse como unha prioridade desde o Concello.
Segundo informa a concellaría de Servizos Urbanos Básicos, nos últimos días acometéronse traballos de reparación na senda no tramo que discorre entre a estación de bombeo de Monte Porreiro e o seu final, na parroquia de Bora.
O obxectivo era reparar o firme danado polo efecto das choivas dos últimos invernos.
Trátase dunha actuación branda, achegando xabre e nivelando as zonas nas que se formaban charcos e nas que o sedimento fora arrastrado polos regatos de auga formados pola choiva.
Ademais procedeuse a retirar maleza e pedras, e limpáronse as canalizacións de auga.
Os traballos, sinala o goberno local, concluirán co arranxo do acceso pola parroquia de Bora, facendo tamén unha achega de xabre, tapando fochancas e pedras do camiño que dificultan o paso.
A esta actuación súmase a que se está levando a cabo para reparar o noiro que veu abaixo polos efectos do temporal Kirk, o pasado mes de setembro, no tramo entre Monte Porreiro e a estación de bombeo.
Nesta zona a senda aínda permanece pechada, pero avanza o Concello que se poderá reabrir ao tránsito peonil "nos próximos días".