O novo viario que une Luís Braille con Santa Lucía, A Corva, e Pintor Urbano Lugrís inicia o seu camiño para levar o nome dunha muller, a Señora Pepa, Josefa Vázquez Juncal.
O Concello de Pontevedra recolle así a proposta da Asociación Veciñal Salcedo Norte para homenaxear a unha veciña amplamente coñecida na contorna, pola súa relación coa histórica fábrica de ferramentas asentada no barrio, de nome 'O Ferreiro do Pino'.
Tal e como explican desde o colectivo, a Señora Pepa "tivo un pequeno taller de costura, no baixo da súa casa, amais de vender polas feiras e mercados as ferramentas da fábrica familiar transportándoas nun carro de cabalos".
Segundo a cultura e memoria popular, a bandeira da Sociedade de Agricultores de Salcedo, deseñada por Castelao, foi bordada por Josefa Vázquez Juncal.
"Bordouna fío a fío, puntada a puntada entre bágoas de dor, no silencio interminábel da casa, o símbolo definitivo da resistencia, da dignidade e do compromiso dunha familia que nunca esqueceu, que permaneceu sempre en pé e que segue mantendo acesa a chama da memoria de todas as persoas que loitaron pola liberdade".
A bandeira foi agochada nunha casa da parroquia de Salcedo, espazo no que permaneceu 64 anos.
No ano 2000 foi entregada por Arturo Estévez ao Concello de Pontevedra e depositada no arquivo municipal.
"Muller afable e loitadora incansábel, a Señora Pepa traballou arreo para sacar á súa familia adiante".
Tivo once fillos. O seu primoxénito, Edelmiro, dirixente do Partido Socialista, foi torturado e asasinado en Bora en 1936.
As súas fillas Fina e Tucha foron apartadas da docencia, rapadas e encarceradas durante dous meses.
O seu home, Antonio Dios, estivo preso durante cinco meses.
A dor de perder o fillo, o peso da ausencia, a agonía daquela morte cruel e inxusta ademais das multas, a intervención na empresa da familia, o acoso ou a persecución do réxime definiu boa parte da súa vida.
Desde o Concello de Pontevedra lémbrase que "a feminización do rueiro, xunto coa recuperación da toponimia tradicional, son a base fundamental á hora de nomear ou renomear as rúas da cidade".
No referido ao primeiro argumento, xa no 2019 María Vinyals y Ferrer, Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García, fixeron que o rueiro da cidade fose "un pouco máis feminista", tal e como se declarou en pleno.