As sereas do encoro do Con serán activadas este venres

O Salnés
24 de xuño 2026

Trátase dun novo simulacro para probar o funcionamento do sistema e familiarizar á poboación co aviso de evacuación

Encoro do Con, en Vilagarcía de Arousa Concello de Vilagarcía de Arousa - Arquivo

As sereas de aviso por risco de inundación vinculadas ao encoro do Con volverán activarse este venres ás 16.00 horas como parte das probas periódicas previstas para verificar o correcto funcionamento do sistema de alerta á poboación.

A iniciativa forma parte dos plans de emerxencia impulsados por Augas de Galicia e permitirá comprobar que os sinais acústicos son percibidos adecuadamente en todo o municipio.

Con este obxectivo, efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias percorrerán diferentes puntos do termo municipal para avaliar o alcance das alarmas e detectar posibles zonas nas que sexa necesario introducir correccións.

Ademais de revisar o funcionamento técnico do dispositivo, o simulacro busca que a cidadanía identifique o son destas sereas e o asocie a unha situación de potencial perigo por inundación.

Deste xeito, preténdese que a veciñanza coñeza os protocolos de actuación e saiba que, ante unha emerxencia real, debe dirixirse ás áreas seguras recollidas no correspondente plan de evacuación.

Este tipo de ensaios realízanse de forma periódica co fin de reforzar a preparación ante posibles episodios de risco e garantir unha resposta rápida e coordinada en caso de necesidade.