Seres indóMITOs: Alberto Ribas

Pontevedra
08 de xuño 2025
Actualizado: 9:06

Mito Meijón entrevista a Alberto Ribas, un pontevedrés que narra experiencias no seu blog "Alvientooo". Desde a súa Pontevedra natal, percorreu medio mundo cunha mirada curiosa e próxima

Alberto Ribas
Alberto Ribas / Guillermo M. Meijón-Corujo

Alberto Ribas non só viaxa: observa, escoita, saborea, sente. E cóntao. Detrás do blog Alvientooo, hai un narrador incansable, un buscador de momentos auténticos que transforma cada escapada nunha historia compartida. Desde a súa Pontevedra natal, este contador de experiencias percorreu medio mundo cunha mirada curiosa e próxima, retratando desde mercados locais ata ceos infinitos.

 

- Dime unha pregunta que non che guste que fagan.

Que me pidan que me defina.

- Como é a túa relación con Pontevedra?

De nacemento. Moi boa. Tamén é certo que viaxo moito polo que non noto esa sensación de que en Pontevedra ás veces parece que non hai moito que facer.

- Igualmente pregunto, como te definirías?

Moi autoesixente.

- A que xeración pertences: baby-boom, X ou millenial?

A ningunha. Sempre me movín nun abano moi amplo de amigos e coñecidos. Podo estar con xente 20 anos maior ou menor ca min e pásoo estupendamente.

- Cales dirías que son as características da túa xeración?

Pois en moitos aspectos non sabemos por onde nos vén... o que teña que vir. Vivimos moitísimos cambios e non sempre soubemos adaptarnos.

- Como comezaches no sector do turismo?

Pois eu tiña un traballo máis "normal", de oficina, e canseime. Cando xa tiña na cabeza dar un cambio á miña vida, comecei a formarme en audiovisual, creación de contido etc. E fun lanzándome pouco a pouco. Todos os anos digo que é o último que me dedico a isto, pero aí sigo.

- Falas de creación de contido, considéraste un influencer?

Diría que non. É certo que en ocasións o meu traballo pódese aproximar ao que fai un influencer, aos que respecto absolutamente, pero creo que a diferenza está na honestidade. Entre os influencers sempre está presente.

- O que para ti é traballo constitúe para moitos outros o que sería un plan para as súas vacacións, cústache facer entender esa diferenza?

Sempre digo que se viñesen comigo saberían distinguir perfectamente cando unha viaxe é por traballo ou porque decido darme uns días de descanso. Se é traballo, eu vou cun compromiso adquirido xa sexa cunha axencia de comunicación ou cun hotel, por exemplo, para a elaboración de blogs, fotografías, vídeos etc. Se non fose un traballo, ninguén estaría disposto a pagar por el.

- Que é a amizade?

Algo complicado de definir, pero fundamentalmente confianza.

- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?

Non lle teño ningún aprecio ao pasado, así que iría ver Pontevedra dentro de 100 anos.

- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir, por que?

Sen dúbida ningunha o xardín, pero non teño tempo.

- Frío ou calor?

Calor.

- Cando dixeches por última vez "quérote"? a quen?

Á miña amiga Laura esta fin de semana polo seu aniversario.

- A quen che gustaría ver nesta sección?

A Paula Vida, propietaria de Nalatcha.

- E por último, que vas facer en canto remate esta entrevista?

Pois irme a outra entrevista de traballo.

 

Para Alberto, Pontevedra sabe a café, cheira a infancia, é de cor pedra e soa a música tranquila. Definitivamente, Alberto Ribas sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

− Nunca saio da casa sen... móbil.

− Na miña neveira sempre hai... iogures.

− No meu armario destacan... as camisas de cores.

− A idade é... un número.

− Sempre fun o ollo dereito da... miña avoa.

− Pontevedra ten alma de... navegante.

− Creo en... min.

− O ano que marcou a miña vida foi... creo que ningún.

− O mellor agasallo que me poden facer é... unha viaxe.

− O meu lugar no mundo é... Salvador de Bahía.

− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... Lisboa.

− O meu momento favorito do día é... a tarde.

− Pontevedra... amigos.