O SERGAS asegura que o módulo penitenciario no Gran Montecelo contará con "todas as garantías"

Pontevedra
15 de maio 2025
Actualizado: 13:42

José Ramón Parada, xerente do SERGAS, comparecía no Parlamento de Galicia para responder as preguntas do grupo socialista que reclama consenso coas Forzas de Seguridade sobre a localización deste módulo para atender internos do Centro Penitenciario

Visita ás obras do novo Hospital Montecelo
Visita ás obras do novo Hospital Montecelo / PontevedraViva

O futuro módulo de hospitalización penitenciaria do novo Hospital Montecelo de Pontevedra está a xerar controversia entre a administración autonómica e os sindicatos policiais.

Mentres o Servizo Galego de Saúde asegura que a instalación contará "con todas as garantías de seguridade e privacidade", os representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado manifestan a súa preocupación polo descoñecemento das características e localización da nova unidade.

Durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia, o xerente do SERGAS, José Ramón Parada, explicou que a unidade de hospitalización penitenciaria non é unha novidade, senón unha instalación xa existente que simplemente mudará de localización coa ampliación do novo hospital.

Segundo Parada, o módulo estará "integrado no contexto de hospitalización convencional" e contará con oito habitacións individuais para pacientes procedentes do centro penitenciario.

O responsable do SERGAS detallou que estas instalacións estarán situadas "nunha zona independente dentro da área de hospitalización e preto do exterior para evitar a circulación dos internos polo hospital", e contarán con "mecanismos de seguridade" que se axustarán "aos modelos recomendados polos especialistas nesta materia".

A deputada socialista de Pontevedra Paloma Castro trasladou ao Parlamento a inquedanza expresada polos sindicatos policiais, que lamentan que "a día de hoxe, o SERGAS non mantivo ningunha xuntanza con eles" para consensuar as características que debe reunir esta Unidade de Alto Risco (UAR).

Desde o PSOE consideran imprescindible "unha xuntanza previa entre o xerente da área sanitaria de Pontevedra-Salnés e os representantes das Forzas e Corpos de Seguridade" para establecer os criterios de localización da unidade, tendo en conta os seus requirimentos específicos en materia de seguridade e privacidade.

Castro denuncia que o módulo de hospitalización penitenciaria actual no que son atendidas estas persoas permanece no Hospital Provincial pero teñen que ser trasladados a Montecelo cando precisan de atención hospitalaria. Alerta de que a nova unidade en Montecelo tardará cinco meses en estar operativa.

Parada aproveitou a súa intervención para recordar que a sanidade penitenciaria é unha competencia estatal e denunciou que "o Ministerio do Interior ten unha débeda de máis de 15 millóns de euros co Servizo Galego de Saúde pola asistencia a presos", cuxa cobertura sanitaria non lle correspondería ao departamento autonómico.

José Ramón Parada, xerente do SERGAS
José Ramón Parada, xerente do SERGASXunta de Galicia

O xerente concluíu a súa intervención destacando "o verdadeiramente importante", que é contar cun novo hospital moderno e funcional, no que a Xunta está a investir 170 millóns de euros na primeira fase de construción, aos que se suman outros 30 millóns adicionais en equipamento.