Lores lembra á Xunta que a competencia do aparcadoiro de Montecelo non é responsabilidade do Concello

Pontevedra
08 de maio 2025

O alcalde de Pontevedra critica as “incoherencias” do conselleiro de Sanidade e lembra que o convenio para o Novo Montecelo foi cualificado como “exemplar” polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, respondeu este xoves ás declaracións do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sobre o futuro aparcadoiro do Hospital Montecelo, nas que instaba ao Concello a contribuír con equipamentos e servizos vencellados ao centro sanitario.

Lores lamentou o que considera "incoherencias" por parte do goberno galego e lembrou que "os aparcamentos teñen que facelos a administración que ten a obrigatoriedade dos equipamentos, non o Concello".

Durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, Gómez Caamaño anunciou que "antes do verán" elevarán ao Consello da Xunta a proposta de ocupación dos terreos, o anteproxecto e a estrutura de custos do novo aparcadoiro, como paso previo á súa licitación en 2025.

O proxecto contempla preto de 1.300 prazas, das cales unhas 400 serán gratuítas. O conselleiro destacou tamén que a previsión da consellería é comezar a atender pacientes no Novo Montecelo a finais deste ano ou principios de 2026.

Lores, pola súa banda, advertiu da necesidade de que o aparcadoiro sexa o "máis económico posible", xa que se trata de fondos públicos, e criticou que a Xunta "se negou no seu momento" a valorar alternativas máis accesibles.

"Non podemos admitir que se diga que a competencia é municipal, porque é autonómica. Está contemplado no Plan de Infraestruturas e non sei a que vén todo iso", engadiu.

En canto ás prazas públicas xa existentes, Lores lembrou que a Xunta ten previsto incrementalas nas zonas de Urxencias e no actual aparcadoiro, e que tamén hai espazos dispoñibles nos terreos da Deputación, nos accesos á cidade infantil Príncipe Felipe, que xa se usan por pacientes de Montecelo.

O rexedor nacionalista tamén puxo o foco na preocupación polo deseño dos accesos ao hospital, especialmente o vial fronte ao edificio, e reclamou da Xunta unha proposta concreta.

"Estamos demandando que nos presente unha proposta para comprobar como quedan os niveis e entradas e saídas do parking, con paradas de buses e de taxis, engadiu, porque ata que o Concello dispoña do deseño, o goberno local non poderá actuar.

No Parlamento de Galicia, Gómez Caamaño apuntou este xoves a importancia da colaboración institucional para facilitar o acceso da cidadanía á sanidade pública.

Lembrou á deputada socialista Paloma Castro, quen realizara a pregunta sobre o aparcadoiro, que "vostedes gustan do aparcamento gratuíto cando as prazas as fan os demais. Cando gobernaron en Santiago non se preocuparon por facer gratuítas ou abaratar o parking do Clínico".

Lores lembrou que o convenio asinado para o Gran Montecelo "foi cualificado pola propia Xunta e o seu presidente como exemplar", polo que instou ao executivo autonómico a cumprir coa súa parte e asumir plenamente a responsabilidade sobre o novo aparcadoiro.