Sete lombos e zona 30 para as inmediacións da escola da Gándara, en Cuntis

Umia
22 de xuño 2017

A Deputación comezará en xullo a instalación dun total de sete redutores de velocidade e dunha zona 30 no cruzamento das dúas estradas EP-8404 entre Piñeiro-Arcos e a EP-8403 entre Cuntis- Alto da Cruz

Membros do goberno municipal de Cuntis co deputado de Mobilidade, Uxío Benítez
Membros do goberno municipal de Cuntis co deputado de Mobilidade, Uxío Benítez / Deputación de Pontevedra

A Deputación comezará en xullo a instalación dun total de sete redutores de velocidade e dunha zona 30 no cruzamento das dúas estradas EP-8404 entre Piñeiro-Arcos e a EP-8403 entre Cuntis- Alto da Cruz.

Este punto está situado nas inmediacións da escola unitaria de A Gándara, na parroquia de Arcos, e precisa dun calmado do tráfico e maior seguridade viaria para todos os usuarios da vía, tanto vehículos como peóns, sobre todo tendo en conta que o tránsito de nenos é continuo.

Segundo indicou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a fórmula máis acaída para solucionar a falta de seguridade é obrigar aos condutores a moderar a velocidade dos seus coches non só con sinais que marquen un límite máis baixo, senón tamén con elementos físicos "que obrigan a frear queiran ou non queiran para non danar o seu vehículo".

As obras foron adxudicadas recentemente á empresa API Movilidad por un total de 16.742 euros e estarán finalizadas no verán xa que o prazo de execución dos traballos é dun mes.

O deputado de Mobilidade tamén indicou que o seu departamento está a traballar nunha mellora para a coñecida como Rúa da Palma (EP-8402 entre Cuntis-Cequeril), que podería ir acompañada da cesión da titularidade por parte da Deputación ao Concello no treito máis urbano.