Sete militares da Brilat resultan feridos ao caer nun noiro durante un exercicio de instrución en León

Pontevedra
24 de novembro 2021
Actualizado: 13:02

Están destinados no Batallón de Zapadores VII da Brigada Galicia VII. Atópanse estables e ingresados no Complexo Asistencial Universitario de León

Ambulancia militar na sede da Brilat Mónica Patxot

Sete militares da Brigada Galicia VII, Brilat, resultaron feridos ao sufrir un accidente, caer por un noiro e envorcar cun Vehículo de Combate de Zapadores (VCZ) durante un exercicio de instrución e adestramento. Sucedeu na tarde deste martes en León, nas instalacións do campo de tiro e manobras de El Teleno, termo municipal de Luyego.

Trátase de sete soldados novos, todos eles destinados no Batallón de Zapadores VII con sede na Base Xeneral Morillo de Figueirido e que nestes momentos se atopan estables.

Segundo a información facilitada polo Ministerio de Defensa, os feridos formaban parte da tripulación dun VCZ. Son seis soldados e un sarxento, este último o xefe de vehículo.

O accidente ocorreu ás 18:50 horas deste martes 23 de novembro, cando se produciu a caída por un noiro e posterior envorco, do vehículo blindado ocupado polos sete militares, resultando feridos de diferente consideración.

Estes zapadores da Brilat estaban a realizar un exercicio táctico contemplado no programa anual de preparación e no que tamén participaban outras unidades da BRILAT. No momento do accidente foron atendidos polo persoal militar sanitario da unidade que, como é habitual neste tipo de exercicios, sempre se atopa presente durante a súa realización.

Unha vez estabilizados os militares foron evacuados por ambulancias militares e do servizo público de Sanidade de Castela e León (SACYL) sobre o Complexo Asistencial Universitario de León para avaliación e tratamento. Ao longo da noite realizáronselles diversas probas médicas que están pendentes de valoración. 

Segundo a última información reportada por Defensa ás 11.00 horas deste mércores "os militares atópanse ingresados no centro hospitalario en observación e en estado estable, pendentes de evolución".

Cando o 112 de Castela León recibiu aviso do accidente, todos estaban xa fóra do vehículo accidentado e conscientes. Nun primeiro momento, desprazouse ao lugar unha ambulancia militar todoterreo e posteriormente vehículos de emerxencias da sanidade rexional, que enviou unha  UVI móbil, tres ambulancias de soporte vital básico e persoal sanitario de atención primaria do centro de saúde de Astorga.

Ademais, varios vehículos militares interviñeron para trasladar ao persoal sanitario polo interior do campo de manobras ata o lugar do accidente.