Sete novos axentes incorpóranse ao corpo da Policía Local de Pontevedra

Pontevedra
14 de febreiro 2023

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, participaban neste martes na toma de posesión dos sete novos axentes que pasan a formar parte do corpo de seguridade municipal

Acto de graduación de axentes da Policía Local na AGASP Xunta de Galicia

Desde este martes, Pontevedra conta con sete novos traballadores que pasan a integrarse como axentes no corpo da Policía Local.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e a edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, participaban na toma de posesión destes novos axentes que se encargarán da seguridade e protección da veciñanza.

O rexedor felicitou a estes novos integrantes da Policía Local por aprobar o proceso de oposición; e por elixir Pontevedra como a cidade onde se desenvolverá a vida laboral. Lores lembroulles que están nunha cidade "moi tranquila".

Tamén lles convidou a que profunden na normativa de mobilidade da cidade e lembroulles que se trata dunha "normativa que nos fai referente no mundo" e que é fundamental no funcionamento da Boa Vila.

Precisamente, durante as últimas xornadas celebrábase a graduación de máis dun centenar de alumnos na 14ª promoción de Policía Local formada na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), na Estrada, coa presenza do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

É o centro de referencia na formación dos corpos e forzas de seguridade, así como de servizos de emergencas, con máis de 163.500 participantes en centos de cursos que se organizan a través desta academia.

O 3 de marzo comezará a formación da 15ª promoción de Policía Local, con preto doutro centenar de aspirantes, que despois pasarán a formar parte do persoal dalgún do 89 municipios, que a través dun convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), obteñen profesionais destinados a labores de seguridade.