Sete novos cursos para o sector pesqueiro impartiranse na Aixola de Marín

Marín
14 de agosto 2024

O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar, inicia en setembro un novo curso con sete accións formativas e un total de 84 prazas destinadas a alumnos vinculados ao sector pesqueiro

Centro de Formación A Aixola no porto pesqueiro de Marín
Centro de Formación A Aixola no porto pesqueiro de Marín / Xunta de Galicia

O Centro de Formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar, inicia en setembro un novo curso con sete accións formativas e un total de 84 prazas destinadas a alumnos vinculados ao sector pesqueiro

A formación, que é de carácter gratuíto, impartirase na sede situada no porto pesqueiro de Marín

Destes cursos poderán beneficiarse persoas operarias da pesca, mariscadoras e mariscadores, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. 

A preinscrición está xa aberta e poderá realizarse a través da páxina web de Aixola.

Os cursos que comezan no mes de setembro pertencen as áreas de instalacións, composites, redes, e madeira. A oferta do centro de formación complétase cun curso online en prevención de riscos laborais (PRL) no sector pesqueiro e con titorías de apoio ao autoemprego e á busca de emprego.

As 1.575 horas de formación programadas repartiranse no curso de confección e mantemento de artes e aparellos (330 horas); electricidade e hidráulica básicas aplicadas ao buque (275 horas); e elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores e laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e en construción naval, ambos de 300 horas.

A oferta de A Aixola para o vindeiro semestre complétase cos cursos de reparación de embarcación pneumáticas (300 horas), soldadura autóxena (20) e PRL no sector pesqueiro (50 horas).