Sete pasos de peóns elevados cambiarán a fisonomía da Avenida de Compostela

Pontevedra
05 de novembro 2014

As obras de reforma no ámbito da avenida de Compostela comezarán a próxima semana. Polo menos, ese é o calendario que manexa o Concello de Pontevedra. Segundo explicou o concelleiro Luis Bará, a prioridade será derrubar parte da mediana que, actualmente, impide o paso de peóns e ciclistas procedentes da Ponte do Burgo cara a Rafael Areses e a Ponte dos Tirantes

Vista da Avenida de Compostela desde a pasarela peonil no ámbito de Pasarón
Vista da Avenida de Compostela desde a pasarela peonil no ámbito de Pasarón / Mónica Patxot

As obras de reforma no ámbito da avenida de Compostela comezarán a próxima semana. Polo menos, ese é o calendario que manexa o Concello de Pontevedra. Segundo explicou o concelleiro Luis Bará, a prioridade será derrubar parte da mediana que, actualmente, impide o paso de peóns e ciclistas procedentes da Ponte do Burgo cara a Rafael Areses e a Ponte dos Tirantes.

Crearase un gran paso de peóns, que levará incorporado un carril bici, para poder cruzar con maior seguridade á altura de Rafael Areses. Nesta rúa, ademais, suprimiranse os aparcadoiros na beirarrúa pegada ao río, reduciranse a un os carrís de circulación e crearase un carril bici duns tres metros de ancho que estará sinalizado sobre a calzada e separado do tráfico.

As obras executaraas a empresa Ediserpo, que cobrará 122.390 euros. Este proxecto considera ademais a construción doutros dous pasos de peóns elevados, un antes da rotonda do pavillón municipal e outro antes da rotonda de Pasarón. Ademais, remodelaranse outros tres, dous na Avenida de Bos Aires e o terceiro no lateral do pavillón, facendo que sexan lineais e elevados.

Nunha segunda fase, que quedou aprazada polo seu custo, entre outras medidas afrontarase a redución de carrís de circulación en toda a Avenida de Compostela, construirase un sétimo paso de peóns elevado, xusto á entrada da Ponte de Santiago.

Entre as melloras que afrontará a empresa encóntranse cambios na sinalización dos accesos ao Recinto Feiral, a reparación de beirarrúas en Rafael Areses ou a eliminación dunha serie de barreiras arquitectónicas.

Está previsto que todas estas obras poidan estar completadas antes do próximo Nadal.