Sete positivos e un paciente ingresado en Montecelo no terceiro día de escalada de casos de Covid na área sanitaria

Pontevedra
26 de xullo 2020

O número de casos activos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés disparouse ata os 19, segundo o balance que fixo público este domingo 26 de xullo a Consellería de Sanidade

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

Terceira xornada consecutiva cun notable incremento de novos positivos e de casos activos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

En só tres días os test con resultado positivo disparáronse, sumando este domingo 7 positivos máis con respecto aos datos ofrecidos o sábado. Así se recolle nos datos ofrecidos este domingo 26 de xullo pola Consellería de Sanidade, na que sitúa os 'casos activos' na área pontevedresa en 19, catro máis que o día anterior, mentres que se rexistraron tres altas epidemiolóxicas. Da suma deses dous conceptos sae a conclusión dos test que tiveron resultado positivo en Covid.

Ademais despois de 10 días, un paciente afectado de coronavirus foi ingresado no Complexo Hospitalario de Pontevedra, concretamente en planta no hospital de Montecelo. O resto de 18 casos activos evoluciona nos seus respectivos domicilios.

A área sanitaria non sumaba unhas estatísticas tan elevadas desde o pasado 3 de xuño, cando se contabilizaban 25 casos activos.

Desde o inicio do plan de continxencia curáronse en Pontevedra e O Salnés 910 pacientes afectados de coronavirus, manténdose en 16 o número de falecementos asociados á pandemia.

No que respecta a nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 217, polos 196 que se rexistraban este sábado. Deles 59 son da área da Coruña, 85 da de Lugo, 6 da de Ourense, 19 da de Pontevedra, 35 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 está en UCI, 11 en unidades de hospitalización e 205 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.220 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de  PCR realizadas é de 243.152