Oito itinerarios polo rural de Pontevedra estarán incluídos no proxecto Sendas de Pontevedra, unha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio natural do concello mediante estas rutas peonís e lograr que estes espazos sexan frecuentados pola cidadanía.
Nunha primeira fase as sendas acondicionadas son Camiños da Pedra, Pontillón do Castro, Os Tres Pinos, Lobada-Fens, Fontes, Lérez, Alto Lérez e Almofrei. Son todos eles circuítos circulares que serán conectados entre si e que permitirán que o Concello conte con preto de setenta quilómetros deste tipo de roteiros.
Igual que as sendas actuais todas elas combinarán tramos polo monte e espazos naturais sobre terra con tramos urbanizados e terán carácter peonil, aínda que algúns tramos poidan ser rodados en bicicleta ao estar asfaltados ou ben acondicionados.
Segundo avanzou o concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez, a interconexión das primeiras sendas -que unirá a do Lérez e a de Lobada-Fens- xa está en marcha. Nelas haberá unha "mínima intervención", procurando respectar o medio natural, e que afectará tanto á recuperación dos camiños como á sinalización dos mesmos.
Ademais, o goberno municipal está a tratar co departamento de Estradas a fórmula para conectar as sendas do Lérez e do Almofrei por debaixo da ponte da estrada N-541, que une as cidades de Pontevedra e Ourense.
Deseñados os sinais que marcarán o comezo de cada sendeiro, o concelleiro agarda que estea toda instalada e marcada cando remate o inverno. Será unha sinalización "pouco invasora" xa que ademais dos sinais de comezo e algunha baliza que haxa que poñer en puntos moi concretos, a senda estará sinalada coas marcas no chan habituais nas rutas de sendeirismo.
Todas estas sendas serán revisadas anualmente para que estean sempre nas mellores condicións para o goce dos veciños.
A este primeiro circuíto de Sendas de Pontevedra, o Concello pretende incluír no futuro novas rutas que xa están recollidas nos plans de actuacións de distintas parroquias.