Setga completará o cambio a LED nos puntos de luz dos accesos á cidade

Pontevedra
19 de outubro 2015

Un total de 220.000 euros investirá o Concello de Pontevedra para completar o proxecto de mellora da eficiencia enerxética nos viarios de acceso á cidade. Tras unha primeira fase na que se substituíron as lámpadas de sodio por LED nas principais entradas e saídas ao centro urbano, farase o propio noutras sete estradas

Operarios de Setga realizan tarefas de mantemento no alumeado público Mónica Patxot

Un total de 220.000 euros investirá o Concello de Pontevedra para completar o proxecto de mellora da eficiencia enerxética nos viarios de acceso á cidade. Tras unha primeira fase na que se substituíron as lámpadas de sodio por LED nas principais entradas e saídas ao centro urbano, farase o propio noutras sete estradas.

En total, cambiarase a iluminación en 492 puntos de luz, que pasarán a contar con lámpadas de baixo consumo.

Espérase que supoña un aforro de case 40.000 euros ao ano. Na actualidade, a luz en todas esas vías custa 54.555 euros anuais e cos novos farois pasará a custar 16.637 euros cada doce meses.

Este contrato, que saíu a concurso público nas últimas semanas, foi adxudicado á empresa Setga. Os novos puntos de luz terán unha garantía de dez anos e a compañía realizará o seu mantemento sen custo algún durante sete anos.

Segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, actuarase na estrada que une a N-550 e a PO-531 en Alba, no viario entre Campañó e A Caeira, na estrada de Pontevedra a Figueirido ata o final de Tomeza, entre Pedra do Lagarto e Marcón, na estrada que vai ata o polígono do Campiño polo interior de Marcón, nos accesos á Brilat ou na conexión da Chamusca con Salcedo.