A renovación dos 2.135 puntos de luz que hai actualmente nas parroquias de Alba, Cerponzóns e Campañó estará en mans da empresa pontevedresa Setga.
A súa oferta foi a máis valorada pola mesa de contratación, entre as dúas presentadas, e será a responsable desta actuación, que ten un prazo de execución de seis meses.
A empresa recibirá 1,45 millóns de euros por este traballo, que está a financiar con cargo a unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).
Ademais dos puntos de luz, a obra inclúe a substitución de 35 cadros de mando.
Para completar a renovación da iluminación, segundo o Concello, tan só quedarían por acometer o cambio de iluminación en "algúns puntos" de Salcedo, Tomeza e Lérez.
ATRASO NAS OBRAS DE MARCÓN E MOURENTE
Setga, que tamén está a renovar a iluminación pública nas parroquias de Marcón e Mourente, solicitou unha ampliación de dous meses máis para terminar esta actuación, cuxo remate estaba previsto para o próximo mes de xuño.
O motivo desta demora, segundo a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, estaría nos problemas de subministración de certos materiais como o aluminio. Aos xa xerados pola pandemia, súmanse agora os derivados polo conflito entre Ucraína e Rusia.