Unha nova cadea de moda aterra en Benito Corbal. El Corte Inglés puxo os seus ollos na 'milla de ouro' pontevedresa para abrir nela unha tenda da marca Sfera, a súa liña de moda para xente nova e complementos.
Sfera ocupará dous baixos en aluguer, situados entre a tenda de roupa interior Women's Secret e o do solarium Icaria, que levan varios anos baleiros. Xa solicitaron licenza de obras no Concello de Pontevedra e os traballos de acondicionamento comezarán en breve.
Segundo confirmaron a PontevedraViva desde El Corte Inglés, a intención dos responsables de Sfera é abrir a súa tenda en Pontevedra en febreiro de 2018.
Por agora, engaden estas mesmas fontes, aínda non concretaron o número de empregados que traballarán en Pontevedra, xa que dependerá da distribución que teña a tenda.
A cadea de moda Sfera ofrece roupa infantil, de muller e de home apostando pola calidade de El Corte Inglés, pero con renovación constante e variedade nas súas coleccións.
Con comercios xa en Vigo, Santiago ou A Coruña, entre outros, Sfera oferta pezas e complementos a prezos accesibles seguindo as últimas tendencias da moda urbana.
Sfera será a segunda marca de El Corte Inglés que se instale en Pontevedra, tras a apertura de Supercor entre as rúas Antón Fraguas e Loureiro Crespo hai xa nove anos.