Simplifican os criterios para acceder ás axudas para ordenadores coa intención de que se beneficien máis familias

Pontevedra
08 de marzo 2021

Tino Fernández, tenente de alcaldía, afirma que a decisión foi adoptada tras manter encontros coas Anpa e a Fanpa. Os requisitos económicos van establecerse en relación co número de fillos da unidade familiar e non do número de integrantes, como estaba previsto inicialmente

Tino Fernández, tenente de alcalde Concello de Pontevedra

As bases para poñer en marcha o procedemento de adxudicación das das axudas para adquirir computadores dentro do Plan Supera 21 xa se atopan redactadas. Tino Fernández,  viceportavoz do goberno local e tenente de alcaldía, explicaba que ao longo desta semana iranse solicitando os informes coa intención de que se aprobe na próxima Xunta de Goberno ou, polo menos, antes de que remate marzo.

Estas bases recollen un cambio sobre a idea inicial. Segundo comentou Tino Fernández, as Anpa e a Fanpa trasladaron que era preferible modificar o apartado de requisitos económicos para acceder ás axudas. Desta forma cámbiase o cálculo dos importes máximos anuais que estaban, en principio, vinculados ao número de integrantes da unidade familiar e agora xa se recolle que estes importes se atopen vinculados ao número de fillos, con independencia do número total de compoñentes da unidade familiar.

O importe máximo anual para unha familia cun menor en idade escolar, segundo explicou o concelleiro, será a cantidade que resulte de multiplicar por tres o Salario Mínimo Interprofesional. Esta decisión ampliará o número de familias que se poden ver beneficiadas, segundo entende o goberno local. Se o número de menores é dous, o SMI multiplicarase por 3,25; se son tres, por 3,55; e se son catro ou máis, por 3,75. 

Ata o momento realizáronse 150 consultas de persoas interesadas nestas subvencións a través da páxina web do Plan Supera 21, ás que hai que sumar as chamadas telefónicas tanto ao departamento como aos concelleiros. 

Tino Fernández indicou que se hai lista de espera, incrementarase a cantidade destinada para estas axudas. O máximo de axuda por portátil ou por computador de sobremesa é de 400 euros.

Para poder acceder a este plan, a unidade familiar deberá estar empadroada en Pontevedra, o solicitante deberá convivir co alumnado ao que se solicita a axuda e os menores deberán estar matriculados no curso 2020-21 en Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica, de Grao Medio ou en Educación Especial nun centro financiado con fondos públicos.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde a publicación no Boletín Oficial da Provincia. A solicitude pode presentarse de forma presencial ou a través da sede electrónica do Concello.