A asociación ecoloxista Vaipolorío realizou este sábado 22 de novembro unha acción de sinalización para facer máis visible o sendeiro do río Gafos entre a rúa Otero Pedrayo e a Avenida Josefa Arruti, en Pontevedra.
A intervención incluíu a instalación de carteis informativos destinados a facilitar e promover o uso deste espazo natural pola cidadanía.
Dende a entidade, con 25 anos de traxectoria dedicada á protección, estudo e divulgación do río Gafos, tamén coñecido como Cocho, Toxal ou Tomeza, lembran que aínda quedan pendentes actuacións por parte do Concello, coma a retirada das árbores caídas no leito do río.
Tamén demandan a reparación da tubaxe de saneamento que discorre pola marxe dereita e, especialmente, o estudo arqueolóxico da Ponte do Couto.
Vaipolorío subliña o valor histórico e patrimonial deste paso fluvial, situado na antiga vía romana XIX que unía Braga con Lugo, e do que existen referencias fotográficas de comezos do século XX.
Por iso, a asociación esixe un levantamento topográfico, a escavación dos accesos, a recuperación das contornas e a musealización da ponte para poñer en valor os seus aspectos arqueolóxicos, históricos, arquitectónicos e ambientais.

A entidade segue a loitar por recuperar a contorna do Gafos, animando á veciñanza a coidar deste patrimonio común.
