Vaipolorío convida a explorar a senda do tramo entre Otero Pedrayo e Josefina Arruti

Pontevedra
05 de novembro 2025

A asociación ecoloxista pontevedresa promove esta acción o sábado 8 de novembro coa intención de que a cidadanía coide e redescubra o patrimonio natural da cidade

Tramo entre Otero Pedrayo e a Avenida Josefina Arruti
Tramo entre Otero Pedrayo e a Avenida Josefina Arruti / Vaipolorío

A asociación ecoloxista Vaipolorío, coñecida polas súas campañas de limpeza e protección do río Gafos (Tomeza), organiza este sábado 8 de novembro unha nova iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar o sendeiro da marxe esquerda entre a rúa Otero Pedrayo e a avenida Josefina Arruti, pasando pola ponte do Couto.

A actividade comezará ás 10.00 horas e está prevista que remate despois de dúas horas de incursión por este espazo natural en zona urbana, que se sitúa nos arredores da estación de autobuses.

O obxectivo principal é facer traballos de roza e retirar lixo ao longo dun percorrido de aproximadamente 150 metros, deixando o sendeiro practicable cun ancho de metro e medio.

Segundo o colectivo, non é preciso que as persoas voluntarias acheguen ferramenta, pero recoméndase acudir con roupa usada e cómoda.

Tamén é preciso comunicar a asistencia no teléfono 676.842.942 antes do sábado 8 para organizar o traballo.

Tras a acción ecoloxista, Vaipolorío convidará a camiñar e descubrir este espazo público, habitualmente esquecido e maltratado, promovendo así a súa recuperación e posta en valor.

A iniciativa busca implicar á cidadanía facendo unha chamada á colaboración colectiva para mellorar o patrimonio natural local.