O CESM Galicia asegura que "o feito de manter a Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés non persegue outro fin que o desgaste progresivo da sanidade pública, en aras a outros intereses".
A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia ( CESM) pide ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o cesamento inmediato da Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés que dirixe José Ramón Gómez, pola "situación extrema de traballo" á que chegou o persoal das Urxencias Extrahospitalarias, dos Puntos de Atención Continuada (PAC) e dos Centros de Saúde, con quendas e axendas totalmente inasumibles.
O Sindicato Médico lamenta que esta "situación enquistada" desde hai anos non se resolva "dunha vez por todas", despois de insistir na necesidade de dotar de máis recursos humanos á Atención Primaria.
A central sindical lembra a "nefasta" xestión que realizou nas distintas crises xurdidas por brotes infecciosos de Covid en distintos Sevicios e entre o persoal sanitario hospitalario. Engade "a grave situación que se produciu na UCI de Montecelo e o importante conflito vivido entre os Médicos Intensivistas e Anestesistas; así como o permanente colapso no servizo de urxencias do hospital Montecelo, a política de contratacións e cobertura de prazas do persoal sanitario coa consecuente fuga de profesionais cara a outras áreas, a contratación dun novo servizo de ambulancia cos gravísimos problemas que ocasionou".
O CESM tamén apunta que a xestión do hospital do Salnés levou a un "desmantelamento progresivo" e pon como exemplo á Unidade de Pediatría, "que podería conlevar clausúraa o servizo de Partos". E é que o Distrito Sanitario do Salnés leva tres meses sen director, "o que supón unha situación intolerable" que, aos ollos destes facultativos, "denota a incompetencia da Xerencia".