Un dos históricos narcotraficantes galegos será, unha vez máis, xulgado na Audiencia de Pontevedra. Trátase de José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco. Apenas tres semanas despois de ser detido, pola súa relación cun alixo de 3.800 quilos de cocaína procedente de Colombia, deberá responder ante a xustiza por branqueo de capitais.
Sito Miñanco e outras catro persoas, a súa primeira esposa, unha das súas fillas e un empresario que, segundo o fiscal, actuaría como o seu home de palla, acudirán á Audiencia o vindeiro martes 26 de febreiro. Para todos eles, a Fiscalía solicita seis anos de prisión e unha multa de 10 millóns de euros.
Acúsaos de branquear entre 1988 e 2007, a través da inmobiliaria San Saturnino, 10 millóns de euros mediante a adquisición de bens inmobles en diferentes concellos da provincia, entre eles Pontevedra, Cambados ou Sanxenxo.
A axencia fíxose desta maneira, segundo os investigadores, cun multimillonario patrimonio composto por máis de 50 fincas, unha vintena de casas, naves industriais, baixos comerciais, garaxes e trasteiros, utilizando o diñeiro derivado das actividades ilícitas de Sito Miñanco.
Desde 1988, ano no que esta compañía adquiriu unha vintena de propiedades, a inmobiliaria tería comprado diferentes bens durante todos os anos da súa actividade, fóra dun pequeno parón a principios dos anos 90.
Varias destas propiedades, ademais, foron adquiridas por unha sociedade filial da inmobiliaria e por algúns dos acusados a título persoal.
Ademais da pena de cárcere e a multa que Sito Miñanco e os outros catro acusados, todos eles vinculados dalgunha maneira a esta sociedade, o fiscal solicita o comiso de todas as propiedades e a clausura definitiva da inmobiliaria San Saturnino.