Veciños de Rúa do Santo esixen solucións ante as inundacións: "A situación é desesperadísima"

Pontevedra
10 de febreiro 2026
Actualizado: 12:39

É un problema que se repite cada vez que as choivas intensas coinciden coa pleamar. Este martes 10 de febreiro, a Policía Local alertou novamente dunha importante acumulación de auga na zona

Inundación na Rúa do Santo
Inundación na Rúa do Santo / Asociación vecinal Estriceres

As inundacións volven golpear con forza á rúa do Santo, na parroquia pontevedresa de Lourizán, un problema que se repite cada vez que as choivas intensas coinciden coa pleamar.

Este martes 10 de febreiro, a Policía Local alertou novamente dunha importante acumulación de auga na zona, un punto negro xa habitual para os veciños.

A situación levou á Asociación Estriceres e aos residentes afectados a alzar a voz. Aseguran sentir completamente desamparados ante a falta de solucións por parte das administracións competentes, principalmente Augas de Galicia e o Concello de Pontevedra.

"Non é que esteamos desesperados, é que a situación é desesperadísima", trasladan desde a asociación, que teme que a inacción poida acabar provocando unha desgraza.

Os danos materiais repítense episodio tras episodio, pero tamén se rexistraron contratempos persoais.

Unha veciña relata que sufriu unha caída con apenas "catro pingas", mentres que outros residentes quedaron illados nas súas vivendas, sen posibilidade de saír nin de regresar unha vez abandonan a rúa.

Algúns veciños lograron marchar para acudir aos seus traballos, aínda que saben que non poderán volver mentres a auga siga alagando o acceso. Non contan, ademais, con alternativas habitacionais.

A este escenario súmase un incidente ocorrido o pasado día 4 que a Asociación Estriceres cualifica de "moi grave".

n dos veciños, ante o risco evidente de que o seu vehículo quedase danado pola auga, decidiu trasladalo a unha zona máis elevada. Segundo informan, lonxe de recibir comprensión, a Policía Local procedeu a sancionalo.

Desde a asociación consideran a actuación "inaudita" e anuncian que prestarán apoio ao afectado para presentar alegacións.

Critican, ademais, que non se peche correctamente a rúa nin se balice de forma efectiva para impedir o paso de peóns e vehículos, algo que, segundo denuncian, si evitaría riscos maiores.

Rúa do Santo inundada
Rúa do Santo alagada Asociación veciñal Estriceres

Iniciativa do PP

O portavoz municipal do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polo concelleiro Martín Martínez, visitou este martes as rúas Pai Fernando Olmedo e O Santo para presentar unha moción na que reclama ao goberno local do BNG unha partida urxente de 500.000 euros destinada a veciños e negocios afectados polas recentes inundacións.

Domínguez acusou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de eludir responsabilidades ante as deficiencias do sistema de saneamento, que non está adaptado á realidade actual e agrava os episodios de anegamientos cada vez que chove con intensida, segundo denunciou.

O PP esixe unha actuación inmediata para resolver o colapso das redes máis problemáticas e reclama tamén unha maior implicación do Concello no proxecto de áreas de inundación controladas en Valdecorvos, en colaboración coa Xunta.

O portavoz popular subliñou que a eficacia destas medidas depende do compromiso municipal e reclamou unha solución estrutural e duradeira para os puntos con maior risco hídrico, un problema que, asegurou, arrástrase desde hai décadas na cidade.

Desde o Concello de Pontevedra, o concelleiro de Obras e Infraestruturas, César Mosquera, sostén que o goberno local ten as mans atadas na Rúa do Santo xa que non poden facer nada sen o permiso de ADIF, afirmou, ao lembrar que os terreos onde se orixinan as inundacións pertencen ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, dependente do Ministerio de Transportes.

O Concello identifica dúas causas principais do problema. Por unha banda, o incremento do caudal do regacho entubado tras a posta en servizo da variante de Marín en 2012, que recolle agora máis auga. Por outro, a insuficiencia da tubaxe que cruza baixo a vía do tren nos Praceres e da arqueta existente, que Mosquera cualificou de "pequena e mal conectada".

A situación vese ademais condicionada polo proxecto para eliminar os pasos a nivel da praza dos Praceres, unha obra adxudicada pero sen prazos definidos e que responde a unha sentenza firme do Tribunal Supremo. Mentres esta actuación siga pendente, o Concello asegura que non pode intervir para mellorar o saneamento na rúa do Santo.

No entanto, o goberno local sinala que, se ADIF declarase a obra inexecutable, abriríase un novo escenario que permitiría corrixir as deficiencias herdadas da obra ferroviaria ao porto.

Entre as solucións expostas está a substitución do actual tubo de 800 milímetros por outro de 1.200, ademais da mellora das arquetas, unha actuación que podería reducir de forma notable as inundacións. O custo estimado roldaría os 250.000 euros.

Discrepa desta análise o portavoz do grupo municipal socialista, Iván Puentes, que asegura que as inundacións nesta rúa débense "fundamentalmente" ao atasco nunha tubaxe de augas pluviais que atravesa a zona.

Esta infraestrutura é de titularidade municipal e atópase "obstruida" na súa maior parte, polo que reclama ao goberno local que actúe canto antes.

Mentres tanto, os veciños seguen esperando unha solución que lles permita vivir sen medo cada vez que o ceo se cobre de nubes.