Valdecorvos e Rúa do Santo volven colapsar

Pontevedra
02 de febreiro 2026
Actualizado: 13:11

A coincidencia da preamar coas choivas deixa a veciños atrapados e reactiva as demandas de melloras estruturais en Casimiro Gómez e Rúa do Santo

Situación en Rúa do Santo este luns 2 de febreiro
Situación en Rúa do Santo este luns 2 de febreiro / PontevedraViva

A combinación de precipitacións persistentes e a preamar volveu castigar os puntos máis vulnerables da rede de pluviais de Pontevedra.

Durante a madrugada deste luns, a contorna das rúas Casimiro Gómez e Fernando Olmedo, así como a Rúa do Santo en Lourizán, rexistraron novas inundacións que puxeron en dificultades a mobilidade dos residentes e a integridade de infraestruturas urbanas.

Por segunda vez nunha semana, a auga comezou a gañar terreo na zona de Casimiro Gómez arredor das 3:00 AM.

Este episodio colmou a paciencia da Asociación de Afectados polas Inundacións Río Valdecorvos (AFIRVAL), que ven neste novo desbordamento un sinal de advertencia ante as obras de humanización proxectadas para a rúa.

Balsa de auga en Valdecorvos
Balsa de auga en ValdecorvosAFIRVAL

O colectivo veciñal sostén que o proxecto de reforma é unha oportunidade crítica para solucionar o problema de raíz.

Esixen que a actuación inclúa a ampliación da galería e, de forma urxente, a retirada do colector de fecais da canle do río Valdecorvos.

Segundo AFIRVAL, non acometer estas melloras técnicas durante a humanización sería unha "temeridade" que pon en risco a integridade dos edificios lindeiros.

Así mesmo, os veciños instan ao Concello de Pontevedra e a Augas de Galicia a abandonar o cruzamento de competencias e coordinarse de forma efectiva.

Auga en Valdecorvos
Auga en Valdecorvos. AFIRVAL

Solicitan unha revisión integral do tramo soterrado do río para verificar se a sección actual é insuficiente fronte aos tempos de retorno climáticos actuais, ademais dun mantemento preventivo que consideran inexistente.

O escenario non é menos grave na parroquia de Lourizán. Na Rúa do Santo, os residentes representados pola asociación Estriceres denuncian unha situación de "historia de nunca acabar".

Malia que a pluviometría non alcanzou niveis excepcionais, as canalizacións, xa obstruidas desde o pasado venres con apenas 3 litros por hora, colapsaron novamente.

Inundación na Rúa do Santo
Inundación en la Rúa do SantoPontevedraViva

Desde as 2:00 AM, varios veciños permaneceron atrapados nos seus domicilios sen poder saír, unha circunstancia especialmente preocupante dada a presenza de persoas maiores e cidadáns con mobilidade reducida na zona.

Á inundación por auga de choiva súmase o problema recorrente da mestura con augas residuais, o que supón un risco de salubridade.

Os afectados denuncian unha falta de resposta por parte das autoridades e a empresa concesionaria xa que os veciños aseguran solicitar a apertura de tapas de rexistro para aliviar o nivel da auga, sen que se realizasen intervencións efectivas.

Neste caso, as canalizacións colapsan independentemente de se a marea está alta ou baixa; o problema é que están cheas dende a última inundación, a semana pasada, e teñen un tramo moi longo de só 800 mm de sección. Esta situación provoca que con niveis de chuvia normais xa entran en carga e prodúcense inundacións.

Realizáronse contactos coa Policía Local e Augas de Galicia, pero os residentes describen unha sensación de abandono ante un problema que dana estruturalmente as súas vivendas cada vez que coincide o mal tempo coa subida da marea.