O Concello urxe a Adif unha solución para evitar as inundacións na Rúa do Santo

Pontevedra
03 de febreiro 2026

O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, sinalou que nese punto de Praceres existe un problema administrativo complexo. Indicou tamén que queda desbloqueada a conexión de Rosalía de Castro con Mollavao

César Mosquera explica a situación na Rúa do Santo
César Mosquera explica a situación na Rúa do Santo / PontevedraViva

O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, daba conta este martes dos avances administrativos para a reforma de Mollavao e analizou o impacto dos últimos temporais.

Neste sentido, Mosquera anunciou que a Audiencia Nacional denegou a suspensión cautelar solicitada polo Colexio de Arquitectos contra a desafectación dos terreos de Costas en Mollavao.

Esta resolución xudicial, descrita polo concelleiro como "contundente", desbloquea a situación administrativa que mantiña en suspenso a licitación.

Aínda que resta agardar á sentenza definitiva sobre o fondo do asunto, o edil nacionalista confirmou que "o camiño está aberto" para proceder á apertura de plicas e adxudicar as obras do viario de Rosalía de Castro a Mollavao.

A petición de suspensión, presentada hai preto dun ano, paralizara a tramitación, mais a Xustiza determinou que non existe motivo lóxico para deter o proceso, permitindo ao Concello reactivar un proxecto vital para a mobilidade da zona.

ZONAS INUNDADAS

Mosquera tamén fixo balance do impacto das recentes choivas, asegurando que, en termos xerais, Pontevedra "resistiu bastante ben" agás incidencias menores e tres puntos negros recorrentes: a PO-11, a rúa Fernando Olmedo en Valdecorvos e a Rúa do Santo nos Praceres.

Sobre este último punto, o concelleiro detallou unha situación de bloqueo administrativo complexo.

O problema técnico está localizado, segundo apuntou, no regacho denominado dos "Praceres", que vai entubado, sofre un estrangulamento ao pasar baixo a vía do tren debido a un tubo de dimensións insuficientes (800 mm) e a unha arqueta mal conectada pola Xunta no seu momento, que se atopa a unha cota superior á da entrada da auga.

A solución técnica é sinxela e custaría arredor de 200.000 euros, segundo as estimacións de Mosquera. Consistiría en cambiar a canalización actual por un tubo de 1.200 mm e substituír as arquetas actuais por outras de maior tamaño.

Mosquera sinalou que o Concello non pode actuar sen permiso de Adif, quen á súa vez ten unha obra adxudicada nese mesmo punto por unha sentenza do Tribunal Supremo desde hai 15 anos, que obriga a eliminar os pasos a nivel do tren ao seu paso pola parroquia de Lourizán.

"Estamos enganchados nesa obra", lamentou Mosquera. Se o Concello intervén sen permiso, podería incorrer en responsabilidades legais, e Adif  posiblemente non autorize actuacións ao ter o seu propio proxecto adxudicado, aínda que paralizado.

O goberno local tentará negociar co organismo ferroviario para desatascar a situación actual e evitar que a veciñanza sufra asolagamentos recorrentes, mentres que a empresa adxudicataria do servizo de auga continuará realizando intervencións de mantemento nesa zona.

En canto a Valdecorvos e a PO-11, Mosquera derivou a responsabilidade técnica a Augas de Galicia e ao Ministerio de Fomento, respectivamente, sinalando que ambas administracións están a estudar solucións para uns problemas derivados de recheos e planificacións antigas desafortunadas.

O responsable de Mobilidade tamén confirmou que diversas actuacións urbanas, como o tramo cuberto sobre as vías do tren da rúa 12 de Novembro ou varios asfaltados pendentes, non comezarán ata que o tempo mellore.

"Non ten sentido comezar agora e que a zona se converta nunha lameira", explicou, avogando por agardar a un período de estabilidade meteorolóxica para garantir a calidade dos traballos.

Sobre outros asuntos, Mosquera mostrouse escéptico ante a posibilidade de converter o antigo Cine Gónviz nun espazo cultural municipal debido aos estritos condicionantes urbanísticos e de seguridade, e confirmou que os técnicos municipais estudarán a nova proposta para a dragaxe do Lérez.