Só un dos 89 usuarios rexeita, por causas relixiosas, a vacina na Residencia Campolongo

Pontevedra
22 de setembro 2021
Actualizado: 27 de setembro

Este mércores 22 comezou a administración da terceira dose na área sanitaria tanto neste centro público de atención de maiores en Pontevedra como na residencia Soremay. Tamén foi administrada na residencia de Vilaboa e en Ribadumia no Salnés. En total está prevista a inxección de 510 vacinas nesta xornada, que foi recibida con entusiasmo pola maioría de usuarios

Administración da terceira dose da vacina anticovid
Administración da terceira dose da vacina anticovid / Mónica Patxot
Administración da terceira dose da vacina anticovid na Residencia Campolongo /

O reloxo marca as 11.00 horas do mércores 22 e tres usuarias da Residencia Campolongo debuxan e len a prensa nunha sala de descanso deste centro de atención de maiores despois de recibir a terceira dose da vacina anticovid. Os profesionais sanitarios pedíronlles que esperen quince minutos para detectar unha posible reacción, pero Humberina Leirós, de 91 anos, manifesta con tranquilidade que non tivo problema nin con esta dose nin coas anteriores: "Eu non me decatei da picada. Non me doeu nada. Eu encóntrome como sempre" asegura sinalando que tiña moitas ganas de que lle administrasen esta dose. 

Humberina é unha das 510 persoas que ao longo desta xornada recibirán a súa dose tanto na Residencia Campolongo como en Soremay, de Pontevedra; na residencia de Vilaboa ou na de Ribadumia, no Salnés, segundo os datos facilitados polo departamento que coordina a vacinación na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Juan José López Peña, director da Residencia Campolongo desde hai dous meses e medio, asegura que a maioría dos usuarios recibiron con entusiasmo a noticia da inoculación desta terceira dose: "aplaudiron todos porque significa volver á normalidade canto antes, porque fai falta xa". 

Esa euforia é transmitida pola usuaria Dolores Tirado, que este mes cumprirá 83 anos, ao expresar o seu estado de ánimo tras recibir a dose: "encantadísima, jolines. Aínda queriamos ir de vacacións á aldea, porque teño unha casiña alí e non fomos porque tivemos que estar aquí encerrados. Agora estou encantadísima por todo, pola saúde e por estar tranquilas".

UN REXEITAMENTO, POR CAUSAS RELIXIOSAS, Á VACINA

Das 89 persoas que se atopan nesta residencia pública pontevedresa, só unha muller, seguidora das Testemuñas de Xehová, rexeitou a administración da vacina contra a pandemia alegando motivos relixiosos.

O director do centro sinala que "non podemos facer nada porque non é unha persoa incapacitada. Mostramos o máximo respecto e mantemos restricións de contacto cos demais porque ela toma esa decisión libremente e hai que aceptalo. Nós temos que tomar algunhas decisións para mellorar e manter a saúde dos demais", indica expoñendo que esta usuaria atópase soa nunha habitación situada nunha zona máis illada e asumindo outras restricións: "ten que comer apartada dos demais, illada e o contacto cos internos é o que mantén fóra, porque aquí está moi limitada", comenta Juan José López.

Desde a comunidade de Testemuñas de Xehová, o delegado local Josué Tizón, manifestaba que esta usuaria, segundo os datos que recolleron, non pertence a esta confesión e, en todo caso, sinala que se trata dunha "postura persoal" e nunca baseada en motivos relixiosos porque as Testemuñas de Xehová colaboran coas autoridades sanitarias do goberno e non están en contra das vacinas.

Esta situación é respectada por outras usuarias que, nalgún caso, ofrecen visións negacionistas respecto a a pandemia. Carmen Míguez, de 85 anos, aduce despois de que lle inoculasen a terceira dose que a vacina "non fai nada. Eu de médico, nada; pero eu penso que non fai nada, nin ben nin mal" e sostén que o coronavirus "é un conto" para, a continuación, afirmar que "se hai que vacinarse outra vez, vacínome. Non hai problema ningún" coa esperanza posta en que se levanten as restricións despois dun ano e medio de limitacións que asumiu con paciencia.

CON BO ÁNIMO

López Peña asegura que se trata dunha xeración inigualable: "van dar leccións ata o último día. Estar aquí, sen poder saír, sen poder contactar con familias... e tomárono, por riba, con bo carácter, con bo ánimo, sen poñer pegas, sen grandes ataques de ansiedade", afirma con orgullo lembrando que os usuarios ven obrigados a comer sós nunha mesa, sen poder falar cos demais tranquilamente, coas complicacións que supón o uso da máscara en persoas de idade avanzada e sempre asumindo as restricións de hixiene e saúde.

Juan José López Peña: "van dar leccións ata o último día. Estar aquí, sen poder saír, sen poder contactar con familias... e tomárono, por riba, con bo carácter"

"Unha terceira picada é estar máis preto do final" recoñece o director da Residencia Campolongo, que conta con 90 profesionais ao seu cargo que, a través dun complexo sistema de quendas, atenden aos 89 usuarios "as 24 horas do día os 365 días ao ano".

Neste edificio é necesario someterse a unha proba de temperatura corporal antes de entrar nas instalacións e cada "pouco tempo" realizan probas PCR e de saliva para manter o control sobre todas as persoas que acceden ás plantas que, segundo Juan José López, ofrecen unha garantía plena de  asepsia e desinfección. Por este motivo, sinala, a Residencia contou con moi poucos casos  covid e todos os rexistrados producíronse por "un vector exterior, basicamente familiar e entre persoas que compartían habitación ou cuarto de baño". O centro conta tamén cunha zona específica para manter "moi controlados" os posibles contaxios que se detecten. "Agora levamos moito tempo libres de casos covid", indica o director esperando que hoxe, coa terceira dose, quede un día menos para a volta á desexada normalidade.