O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE en Pontevedra apoia a construción de 2.000 vivendas públicas prevista no Proxecto de Interese Autonómico (PIA) promovido pola Xunta de Galicia, pero advirte de que a iniciativa está a verse "manchada" pola xestión das expropiacións por parte da Consellería de Vivenda.
Segundo trasladaron os socialistas nunha reunión con veciños afectados celebrada no Centro Leste, máis de cen propietarios de vivendas e terreos situados entre A Parda, San Amaro, Conde Bugallal e o cruce do Marco denuncian falta de información, ausencia de diálogo directo en moitos casos e propostas de compensación que cualifican de "irrisorias".
Entre os exemplos citados figuran valoracións de ata 2 euros por metro cadrado ou ofertas de inmobles de menor tamaño que os actuais.
O portavoz municipal socialista, Iván Puentes, fixo un chamamento á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, para que actúe con "sentidiño común" e abra unha negociación real cos afectados.
"Pídolle á conselleira que poña un pouco de cordura nun proxecto que debe ser beneficioso para todos e todas e que non converta isto nunha poxa", asegurou o voceiro do PSOE.
Puentes insistiu en que o problema da vivenda en Pontevedra require aumentar a oferta pública, mais advertiu de que o desenvolvemento do PIA debe comezar por escoitar á veciñanza.
Neste sentido, reclamou prezos "razoables" nas expropiacións e solucións habitacionais que non impliquen perda de patrimonio nin de dereitos para as familias afectadas.
Como medida de presión, o PSdeG-PSOE anunciou a presentación de iniciativas tanto no Concello como no Parlamento galego.
O obxectivo é forzar á Xunta a revisar o proceso e introducir "alternativas serias e transparentes", consensuadas cos veciños, que inclúan compensacións económicas xustas ou a entrega de vivendas e terreos en condicións equiparables ás actuais.