Solicitan unha auditoría sobre o contrato do lixo de Poio ante a folga de limpeza

Poio
24 de xuño 2026

O BNG de Poio denuncia a falta de supervisión municipal por parte do goberno de Ángel Moldes das condicións laborais e do estado técnico do servizo que presta Valoriza

Vehículos de Valoriza, empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos en Poio Concello de Poio

O BNG de Poio denuncia a xestión que o goberno local do Partido Popular, que lidera o alcalde Ángel Moldes, exerce ante a empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos, Valoriza.

Marga Caldas, voceira da agrupación nacionalista, vinculou directamente a folga indefinida que mantén o persoal do servizo desde esta semana coa ausencia de controis por parte do Concello sobre o cumprimento dos pregos de contratación.

O punto central da protesta laboral radica en que os operarios non están a percibir as retribucións económicas fixadas no convenio colectivo, unha obriga que o contrato co Concello esixe respectar á empresa adxudicataria.

Segundo o grupo nacionalista, o goberno local non pode actuar de forma allea ao conflito, xa que ten a responsabilidade legal de vixiar que as condicións laborais, as categorías profesionais e a antigüidade dos operarios se manteñen conforme ao acordado na concesión.

Ante esta situación, o BNG avanzou que solicitará formalmente no Pleno a realización dunha auditoría ou un informe técnico independente para avaliar de maneira integral o grao de cumprimento do contrato por parte de Valoriza.

Caldas lembra que os pregos contemplan o uso de ferramentas específicas de fiscalización que inclúen inspeccións permanentes, a elaboración de informes mensuais sobre incidencias, o control do lavado de contedores e a supervisión da loxística xeral.

Ademais, os nacionalistas queren saber se se activou a partida económica prevista para contratar unha empresa independente de control de calidade.

A solicitude plenaria esixirá tamén información detallada sobre as inspeccións realizadas ata o momento, o volume de informes emitidos, os incumprimentos detectados no mantemento e renovación de medios técnicos, e as sancións económicas que se lle impuxeron á empresa concesionaria no que vai de mandato.