Solicitan licencia de construcción para un edificio de 27 vivendas na rúa do Rouco

Pontevedra
11 de agosto 2023

A alcaldesa en funcións e portavoz do Goberno, Eva Vilaverde, deu conta deste e outros asuntos relacionados coa área de Urbanismo na Xunta de Goberno Local celebrada este venres

Terreo onde construirán un edificio de 27 vivendas na rúa do Rouco Mónica Patxot

A alcaldesa en funcións e portavoz do Goberno, Eva Vilaverde, informou este venres en rolda de prensa da aprobación de novas licenzas urbanísticas na Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora.

A primeira delas fai referencia á construción dun edificio de 27 vivendas na rúa do Rouco, no número 5 na antiga sede do Diario de Pontevedra. 

O edificio tamén contará con dous sotos onde se contempla a construción de 54 rochos, 56 prazas para vehículos de catro rodas e dez prazas para vehículos de dúas rodas. 

O edificio terá planta baixa, seis andares e baixocuberta. O orzamento para a súa creación é próximo aos dous millóns de euros, sendo a superficie da parcela de 878,34 metros cadrados.

A segunda licenza aprobada é a do INVIED (Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa), en Rosalía de Castro, número 21, na que se solicita o desdobramento de catro vivendas en oito. 

A terceira licenza aprobada é de parcelamento, agrupamento e segregación de terreos, e cesión na rúa Martín Códax, en relación cunha parcela pendente de construción. Afecta tamén á praza da Santiña e a avenida da Coruña.

Vilaverde indicou que dos terreos resultantes da parcelación sairía unha zona de construción de 1.225 metros cadrados e onde se demolerá un pequeno edificio de dúas alturas.

Outra parcela deixaría en pé unha casa unifamiliar e, por último, os terreos de cesión municipal permitirán anchear a rúa Martín Códax e por detrás a praza da Santiña co retranqueo.

A maiores foron aprobadas dúas licencias de vivendas unifamiliares nas parroquias de Salcedo e Santo André de Xeve, unha denegación de licenza para un local de neumáticos ao non cubrir todas as especificacións técnicas solicitadas e unha denegación de recurso de reposición no edificio de Gutiérrez Mellado ao respecto dunha servidume de paso.