SOS Panadeira denuncia "novas irregularidades" nas obras do Náutico

Sanxenxo
04 de xuño 2014

SOS Panadeira cualifica de "claramente belixerante en contra do interese xeral e a favor do Real Club Náutico de Sanxenxo" a actuación de Portos de Galicia

Retirada dos pilotes fronte á praia da Panadeira
Retirada dos pilotes fronte á praia da Panadeira

SOS Panadeira cualifica de "claramente belixerante en contra do interese xeral e a favor do Real Club Náutico de Sanxenxo" a actuación de Portos de Galicia. Este colectivo veciñal asegura que durante as últimas xornadas se cortaron algunhas das estacas sobre as que se ía instalar o peirao. Esta actuación supón "un gran risco para os bañistas e unha aberración ambiental".

A plataforma cidadá acompaña a súa denuncia cunha serie de fotografías onde se constata que para o corte das estacas "se empregaron ferramentas e materiais contaminantes" e aseguran que "se intentou ocultar o delito, posiblemente co ánimo de evadir a responsabilidade, con area sen control de cantidade, orixe e impacto". Ademais apuntan que o barco bateeiro empregado nestas tarefas non é o apropiado para estes traballos.

SOS Panadeira denunciou estes feitos ante o Seprona, se ben critican que a Garda Civil de Sanxenxo "lonxe de remover obstáculos para iniciar a investigación, carga a responsabilidade nos veciños demandando probas de cargo".

Esta plataforma veciñal lamenta que a Inspección de Traballo non actuase de oficio "ante a sinfonía de irregularidades" algo que "quizais non se deba a que os apelidos dun socio do Náutico coinciden cun alto cargo de Inspección".

Finalmente SOS Panadeira quéixase do "noso total desamparo" por parte das autoridades.