SOS Panadeira pide explicacións sobre o novo convenio co Team Campos

Sanxenxo
11 de decembro 2014

SOS Panadeira apunta que nestes momentos a ocupación do chan público é de máis de 350 metros cadrados "no Porto Deportivo Público por parte dunha empresa privada"

Barcos do Team Campos no Porto Juan Carlos I de Sanxenxo
Barcos do Team Campos no Porto Juan Carlos I de Sanxenxo / SOS Panadeira

A plataforma veciñal SOS Panadeira esixe explicacións ao goberno local de Sanxenxo sobre as condicións do "novo convenio, se o houber, do noso Concello coa empresa de Pedro Campos".

SOS Panadeira apunta que nestes momentos a ocupación do chan público é de máis de 350 metros cadrados "no Porto Deportivo Público por parte dunha empresa privada".

Este colectivo veciñal insta a alcaldesa a que actúe en consecuencia e advirte: "Non nos facemos responsables da ocupación e declarámonos insubmisos no pagamento de calquera consecuencia".

"Non estamos dispostos a ver o bazar de barcos en incremento sen explicacións, pagamos impostos e temos dereitos", di o comunicado difundido aos medios por SOS Panadeira.