SOS Sanidade Pública esixe participar activamente no proxecto do Gran Montecelo

Pontevedra
13 de marzo 2017

Comparten as súas ideas sobre o uso do actual Hospital Provincial, do que defenden que  deberá ter uso sanitario e non converterse en residencia para maiores. Propoñen que se traslade a Escola de Enfermería a Mollabao e que no Provincial se derrube o edificio anexo e nos terreos que queden baleiros se habilite un aparcadoiro para usuarios e traballadores

Alcaldes con SOS Sanidade Pública
Alcaldes con SOS Sanidade Pública / Mónica Patxot

A plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra esixe participar activamente no proceso de planificación das obras de ampliación do Hospital Montecelo e, entre as propostas que realizan, piden que o proceso debe realizarse "coa máxima transparencia" e a participación das organizacións sociais e profesionais da área.

O colectivo considera que todas as organizacións deberán ter acceso a  toda a información de saúde, servizos e recursos dispoñibles para poder fundamentar unhas propostas racionais de servizos e recursos e que a súa participación debe darse en todas as fases do proceso, estando presentes nas reunións decisorias do proxecto. 

A plataforma considera "esencial" o financiamento público, a xestión pública do centro, tanto da parte asistencial como dos servizos complementarios e que o aparcadoiro debe ser público e de acceso gratuíto para a poboación e traballadores do hospital. 

Ademais das súas propostas para o Gran Montecelo, tamén comparten as súas ideas sobre o uso do actual Hospital Provincial, do que defenden que deberá ter uso sanitario e non converterse en residencia para maiores. Na súa opinión, deberían situarse alí instalacións como un centro de saúde, as urxencias extrahospitalarias, unha Unidade de Coidados Paliativos, as consultas externas que están en Mollabao, consultas de alta resolución, un centro para saúde da muller, consultas sobre estilos de vida saudables, drogodependencias e saúde mental, rehabilitación e fisioterapia ambulatoria, entre outros.

Ademais, propoñen que se traslade a Escola de Enfermería a Mollabao e que no Provincial se derrube o edificio anexo e nos terreos que queden baleiros se habilite un aparcadoiro para usuarios e traballadores.