O Concello de Soutomaior anunciou a humanización da Praza Poza do Souto, no barrio de Moreira, para regular o fluxo peonil, mellorar a seguridade viaria e renovar a pavimentación do espazo.
O proxecto consistirá na ampliación da superficie peonil e a creación dunha área libre, ampla e segura que favoreza a mobilidade, o lecer e os encontros veciñais.
Incorporarán tamén zonas verdes e espazos de xogo para converter a praza nun núcleo de centralidade e referencia no barrio.
A actuación conta cun investimento de 151.000 euros de fondos propios municipais.
O alcalde, Manu Lourenzo, destacou este luns que "Moreira conta cun inmenso valor patrimonial e unha fermosura paisaxística única, polo que as actuacións urbanas que se leven a cabo deben de estar acordes coa identidade e as características neste barrio".
Lourenzo lembrou que esta obra se suma ás xa executadas en Fondo de Vila e Ouxil.