O Concello de Soutomaior aprobou inicialmente o proxecto do ecoparque empresarial da Montesiña.
É unha iniciativa chamada a converterse nun dos principais motores de emprego e riqueza da comarca coa implantación de máis de 60 pequenas e medianas empresas.
Este proxecto contempla a creación dun espazo empresarial moderno, sostible e integrado na contorna.
No deseño están incluídas parcelas para naves de tamaño medio orientadas a actividades industriais, comerciais e de servizos, xunto a unha rede de zonas verdes, espazos públicos e itinerarios peonís que reforzan o seu carácter de ecoparque.
A actuación está deseñada para favorecer o desenvolvemento económico do municipio, evitando o incremento do tráfico pesado e apostando por un modelo sostible, eficiente e compatible coa calidade de vida de veciños e veciñas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, cualificou a aprobación inicial como "un paso de xigante para o futuro do concello" ao tratarse dun dos proxectos máis relevantes das últimas décadas.
"Hoxe Soutomaior dá un paso histórico. Este ecoparque permitirá que máis de 60 empresas poidan instalarse no municipio, xerando emprego, oportunidades e riqueza para as próximas xeracións", sinalou.
O rexedor incidiu en que a iniciativa responde a unha necesidade demandada polo tecido produtivo xa que "durante anos, empresas de Soutomaior e da contorna non atopaban solo industrial para crecer".
Agora, "con este proxecto, queremos ofrecer unha alternativa moderna, sostible e integrada na paisaxe, que permita que o talento e o investimento permanezan no municipio", engadiu Lourenzo.
O proxecto está redactado polo estudo Óptima S.L. baixo a dirección do arquitecto e urbanista Xabier Rivas Barreiro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.